O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, amosou a súa perplexidade despois de coñecer o anuncio efectuado pola Deputación de Lugo no que situaban o mes de abril como data para a apertura das residencias promovidas pola administración provincial.
Balseiro resta credibilidade a este anuncio tendo en conta que a Deputación de Lugo aínda “non fixo os seus deberes” e, de feito, teñen pendente de solicitar o permiso de inicio de actividade -un requisito previo e imprescindible- para a apertura de cinco destas residencias, en concreto, as de Ribas de Sil, Navia de Suarna, Pedrafita, Meira e, tamén, para a da Fonsagrada.
“Desde a Xunta vémonos na obriga de informar á cidadanía porque cremos que os prazos que se están manexando non son realistas, nin veraces. E, sobre todo, porque non queremos que desde a Deputación intenten botarnos a culpa a nós polo retraso na apertura duns centros que son responsabilidade exclusiva do Goberno provincial”, aclarou Balseiro.
Pola contra, o delegado territorial lembrou que a Xunta xa autorizou fai meses o permiso de actividade das residencias de Castroverde, Trabada e Pol, e polo tanto, “durante todo este tempo non existía ningún impedimento, salvo a falta de vontade do Goberno provincial, para que estes centros estiveran xa en marcha”.
En situación distinta estaría a residencia de Ribadeo, para a que non solicitaron o permiso ata o pasado xoves, curiosamente, con posterioridade á xornada de portas abertas organizada pola Deputación e o Concello.