Lugonovo advirte das posibles irregularidades nos rótulos do Hiper Froiz

Lugonovo advirte dunha posible irregularidade urbanística na colocación dos rótulos do Hiper Froiz de Montero Ríos. “Non só é que o letreiro principal sobresaia da liña de edificación senón que ademais foi colocado enriba dos arcos da fachada e cremos, incumpre tamén outros aspectos da normativa do PEPRI en canto ás dimensións e cores empregadas”, indica Víctor Álvarez.

O concelleiro do Grupo Municipal adianta que interperlará ao goberno para saber se o Concello autorizou a súa instalación e tamén para coñecer se conta cos permisos pertinentes de Patrimonio, xa que o establecemento se atopa dentro do itinerario que segue o Camiño de Santiago.

“Ademais do panel a pé de rúa hai outro que, para indicar a ubicación do aparcadoiro, ocupa practicamente toda a superficie expositiva dispoñible no túnel do Carril das Frores, é dicir, xusto ás portas da Muralla e en pleno Camiño Primitivo o que pode supor que estea a contravir, asemade, o seu réxime de protección, igualmente restritivo”.

Álvarez Arias pedirá explicacións sobre os requirimentos esixidos pola administración local á empresa, polo tipo de licenza outorgada e tamén polos prazos nos que se tramitou. “Do mesmo xeito, queremos que nos indique qué persoal se encargou de supervisar a obra xa rematada e do tipo de infracción na que podería estar incorrendo, así como da sanción que leva aparellada”.

“Temos moitas dúbidas da lexitimidade destes anuncios e ante a relaxación de funcións á que xa nos ten acostumados o executivo, reclamamos a súa atención neste asunto para que certifique que non se está a cometer ningún quebranto legal nin tampouco ningún agravio comparativo con outros negocios da contorna aos que, no seu día, se lles impuxeron moitas máis limitacións á hora de publicitarse”, conclúe o edil de Lugonovo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com