A comezos de 2019 terá lugar na Mariña a rodaxe da curta O Neno e a Sombra, unha obra baseada no patrimonio inmaterial galego, onde as meigas, o mal de ollo ou os ritos curativos conforman o substrato da historia. Temáticas recurrentes no xénero cinematográfico de orixe británica, coñecido como folk horror, no que se inspira este proxecto.
O equipo de O Neno e a Sombra, que ven de rematar un intenso proceso de preprodución, acaba de lanzar unha campaña de micromecenado na plataforma Verkami para conseguir fondos que se destinarán a contribuír no financiamento da curtamentraxe.
As persoas que colaboren nesta campaña, en función da cantidade que aporten, serán recompensadas con camisetas e pósters, deseñados polo artista gráfico Xosé Blanco, botellas de licor café cortesía da viñoteca O Lagar (Burela) e amuletos tradicionais. Esta peculiar recompensa inclúe pedras do raio, castañas da envexa, alicornios e ollomaos; amuletos que durante séculos nos protexeron dos trebóns, da envexa ou do mal de ollo. Para as persoas máis xenerosas nas súas aportacións, organizarase unha visita a Santo Estevo do Ermo, un dos lugares máis máxicos da Mariña, onde terán a oportunidade de participar en varios rituais que se veñen celebrando no lugar dende tempos inmemoriables.
Este proxecto cinematográfico está asesorado polo antropólogo Rafael Quintía e conta cun reparto de alto nivel, con profesionais como Miguel de Lira, Manuel Lourenzo, María Roja ou Diego Anido. Ademais de Xaime Miranda, a curta está sendo producida pola cervense Sabela Blanco, e os focenses Lucía Ramiro e Uxío Corbelle. A banda sonora será composta por Nuno Pico, músico do Valadouro e membro do grupo Oh! Ayatollah.
Para a realización desta curtametraxe, que será rodada integramente na Mariña, escolléronse lugares tan suxestivos coma as aldeas de Vilarxubín e San Pedro de Bogo, ambas no concello de A Pontenova, ou a contorna da Fraga Vella, unha zona de gran singularidade paisaxística.
Sobre a campaña de crowdfunding e sobre este proxecto audiovisual pódese obter máis información na páxina de Verkami e nas redes sociais.