A Consellería de Política Social ten entre o seus eixos prioritarios a atención ás persoas en situación de dependencia ou con diversidade funcional ás que destina máis recursos que nunca. Un colectivo que, na provincia de Lugo, beneficiouse este ano, 2018, de dúas decisións impulsadas polo Goberno galego: a incorporación dun novo equipo de valoración de diversidade funcional e o incremento das horas financiadas aos concellos lucenses para o sostemento do servizo de axuda no fogar.
Así o avanzou, a modo de balance, o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, no transcurso dunha visita ao centro base do servizo de Discapacidade e Dependencia Persoal emprazado na rúa Serra de Ancares da capital provincial, onde gabou o traballo e dedicación do colectivo de profesionais “altamente cualificados e implicados na xestión” que forman parte do cadro de persoal deste centro.
Polo que respecta á unidade de cualificación e valoración da discapacidade lucense desde o mes de xuño conta cun novo equipo de valoración, composto por tres profesionais (médico, psicólogo e traballador social) que contribuíron a axilizar substancialmente os tempos de tramitación e de resposta na resolución das solicitudes, simplificando os trámites e alixeirando a burocracia. O número total de traballadores desta unidade incrementouse ata os 14 profesionais, polo que hoxe operan na provincia tres equipos EVO.
Outra das medidas que se incorporou é o servizo de confirmación e recordatorio de citas a través de SMS para evitar a non asistencia ás axenda de valoración programadas. Así mesmo, xa se está a levar a cabo a consideración de facto de persoas con discapacidade igual ou superior ao 33% aquelas ás que a Seguridade Social teña recoñecida unha pensión de incapacidade permanente no grao de total, absoluta ou gran invalidez, e aos pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou de retiro por incapacidade permanente.
En definitiva, salientou Balseiro, “son todas accións destinadas a acelerar ao máximo os tempos de resposta e simplificar os trámites como vía para mellorar a calidade de vida dos lucenses que presentan algún tipo de atención especial”.
Por outra banda, a administración autonómica tamén acordou incrementar nun 7,5% as horas do servizo de axuda no fogar para persoas con dependencia en Lugo. Esta decisión, da que se benefician todas as comarcas, chega a máis de 4.000 lucenses, beneficiarios desta prestación sufragada pola Xunta.
Como consecuencia deste incremento Política Social financia, desde o pasado mes de setembro, dous millóns de horas de prestación anuais, que supoñen un desembolso de 14,4 millóns de euros para sufragar e apoiar este servizo municipal.
Axuda no Fogar é hoxe o recurso máis demandado pola poboación maior que necesita algún tipo de axuda, así como polas familias coidadoras. Balseiro lembra que a aposta da Consellería de Política Social por este tipo de servizos para as persoas en situación de dependencia é clara e decidida “e, por iso, leva xa nove anos incrementando a prestación do SAF en toda Galicia”.
Finalmente Balseiro aproveitou a súa visita para coñecer a Marcos, un traballador que está a desenvolver prácticas neste centro ao abeiro dun convenio entre a Consellería de Política Social e a asociación Down Lugo. En concreto desempeña funcións de ordenanza “e está plenamente integrado co resto do persoal”.
Ambas entidades, colaboran para impulsar un proxecto de aprendizaxe mediante prácticas formativas. Trátase dun programa que pretende dotar aos participantes dos coñecementos, actitudes e habilidades necesarias para facilitar e mellorar a súa integración na sociedade e no mercado laboral, aprendendo e poñendo en práctica técnicas útiles para o desempeño profesional eficaz.