Begonte: Belén de interese turístico galego

O 1 de decembro abriu de novo as súas portas o Belén electrónico de Begonte, comezando o tempo de Nadal na Terra Chá, que ven ser de case dous meses, que é o tempo que permanece aberto este Belén.

Cando o belén naceu, en 1972, a electrónica estaba nacendo, polo que foi un acontecemento este belén no que as figuras se movían, coordinábanse entre si, e reflectían o acontecer diario dunha aldea chairega das que estaban desaparecendo. Se daquela foi unha testemuña e reivindicación, hoxe ven ser unha lembranza nunha terra que case non se sacha, non se sementa á man, non se tronzan castiñeiros con serra portuguesa pero segue causando sensación cando esas imaxes doutrora se reflicten nun belén interxeneracional ao que fomos de rapaces, volvemos de maiores, e ao que levamos ou nos levan os nosos netos.

Se algo percibimos nos últimos tempos neste Belén é que despois da súa declaración como Festa de interese turístico, os medios preocupánse máis do que alí pasa, e tiven este mes días de tres entrevistas radiofónicas sobre este belén.

Dous son os beléns de interese turístico en Galicia, o de Valga nas terras de Pontevedra e o de Begonte, pero non xogamos, non xogan coa mesma baralla, que o de Valga atende á actualidade e o de Begonte á tradición e á historia. Cada un deles senlleiro no seu estilo, cada un chamando a atención de quen o visita, incluso pola demostración palpable de que o fenómeno de plasmar nunha representación o nacemento de Cristo segue  vivo e pode valer para facer crítica político-social, para lembrar tempos pasados que coidamos poden volver con formulas moi diferentes, e aínda para tentar loitar contra a fame nas cidades e valorar a producción agrícola do rural como fai o Belén que se pode contemplar en Cambas, na provincia da Coruña.

Este tempo de Nadal préstase para todo tipo de reivindicacións, nostalxias, protestas, e especialmente para ollar para dentro e comprobar se aínda segue vivo o neno que algunha vez fomos para animalo a resistir. Coido que iso é o que pasa en Begonte. Que os que seguimos sendo nenos aló moi dentro, comprobamos que alí falan de nós; e sobre todo, que alí falan para nós, connosco.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com