Ace-Eu pide unha xunta de voceiros tras a agresión á usuaria dun piso de acollida do Concello

Unha muller, usuaria dun piso de acollida do Concello de Lugo para mulleres maltratadas, foi agredida pola súa parella na propia vivenda a pasada fin de semana. O home, de tan só 19 anos, foi detido despois de que a vítima alertara á Policía Nacional e un xulgado ordenou o seu ingreso en prisión. Ante estes feitos, o grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas – Esquerda Unida (ACE-EU), solicitou esta mañá unha xunta de voceiros para poder valorar estes feitos e a seguridade dos propios pisos de acollida.  

ACE-EU considera que a seguridade destas vivendas debe ser prioridade no Concello, e esta agresión “non se pode saldar sen que se revisen os protocolos de funcionamento a fondo”. Neste senso, o goberno local afirmaba días atrás que os protocolos seguíronse todos, pero, segundo fontes non oficiais, a vítima pudo ter invitado ao agresor a vivir con ela, cando está totalmente prohibido que as usuarias permitan a entrada de persoas alleas á vivenda.

Para a agrupación de esquerdas, esta agresión non pode enfocarse “como unha situación illada” xa que, consideran, que se podería pór en xogo a seguridade do resto de usuarias dos pisos de acollida e, incluso, mulleres que o precisen poderían desistir de solicitar este servizo “por non confiar na protección que se lles pode ofrecer”. Segundo afirmou o voceiro da agrupación, Carlos Portomeñe, a sensación de perigo “é disuasoria para que as vítimas de violencia de xénero recorran ás institucións para pedir axuda”.

“Hai que garantir recursos suficientes e un tratamento integral de cada caso, senón a probabilidade de que se repitan incidentes como o desta fin de semana é alta”, apunta Carlos Portomeñe que avoga por potenciar a atención psicolóxica e o seguemento terapéutico das mulleres vítimas de maltrato que acoden aos servizos municipais, pois “se non se lles aportan mecanismos propios para mellorar a súa autoestima e autonomía persoal e para que poidan identificar novas situacións de maltrato, seguirán estando expostas á violencia machista durante toda a súa vida”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com