O auditorio de Lugo atópase ao 78 % da súa execución total

O auditorio de Lugo atópase actualmente ao 78 % da súa execución total, polo que avanza a bo ritmo para o seu remate a finais deste ano. Así o confirmou esta semana a secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, que recibiu nestas instalacións a visita de 26 alumnos da titulación de Deseño de Interiores.

O auditorio de Lugo consta dun orzamento de 21 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega o 95% deste importe, posibilitando así que as sete grandes cidades galegas conten co seu auditorio. A Xunta reservou unha partida de 4,2 millóns de euros nos orzamentos de 2015, permitindo o seu avance e finalización.

Encarnación Rivas salientou que o proxecto destaca pola súa funcionalidade e por dispoñer dos servizos necesarios para facer do auditorio un equipamento competitivo para a organización de congresos e outros eventos. Engadiu que outro dos perfís do proxecto e que foi moi tido en conta, é o seu carácter administrativo e de mellora da atención dos servizos que as súas instalacións prestarán aos cidadáns de Lugo.

Nos últimos meses realizáronse accións de albanelaría, alicatados, falsos teitos, varandas, ventilación-clima, electricidade, comunicacións, saneamento, protección contraincendios e fontanería.

Rivas puido comprobar que o acristalamento das fachadas atópase rematado e os operarios están a traballar na finalización dos solos e execución de escaleiras.

Organización
No que se refire á organización funcional destas instalacións, constan os seguintes niveis:
Nivel -1: alberga o aparcadoiro con 153 prazas.

Nivel 0: a cota inferior da Avenida Magoi e con acceso directo dende ela, nel sitúanse a área de exposicións e congresos, control e seguridade e acceso principal ao aparcadoiro.

Nivel 1: a cota superior da avenida, na que se sitúan os escenarios das dúas salas con acceso directo a cota para carga no escenario principal e camerinos da sala menor. A área administrativa sitúase neste nivel.

Nivel 2: a cota do xardín, acolle o acceso directo ás salas, acceso ao área de congresos e un acceso independente á cafetería a través do miradoiro. Neste nivel o vestíbulo lineal convértese nun miradoiro continuo coa dobre transparencia cara ao xardín e cara á Avenida.

Nivel 3: nesta planta sitúase o restaurante e área restrinxida así como os lucernarios e dobres alturas do vestíbulo. A área de congresos desenvólvese neste nivel e localizadamente nos niveis 3 e 4.

A versatilidade dos espazos permite a utilización independente e simultánea dos mesmos de forma natural. A cafetería e restaurante organízanse en dous niveis e teñen un posible acceso independente a través do xardín ademais da conexión co vestíbulo no nivel 2. Dispón dunha terraza miradoiro exterior e no nivel 3 a área de uso restrinxido pódese vincular ao restaurante.

En relación ás salas, cabe sinalar que se apoian na ladeira e os seus chanzos continúan o perfil natural do terreo. O uso da luz natural é obrigado en gran parte dos usos previstos e propóñense fiestras horizontais rasantes, con sistema de escurecemento, abertas á nacente cara á ladeira axardinada, buscando a integración dos actos e representacións na natureza xeométrica.

As prazas, todas elas con visión frontal, dispóñense nun único plano tallado sobre a topografía. As salas organízanse en dous volumes distintos, un para a sala principal e outro volume menor para a segunda sala. Os espazos internos de apoio ás salas como camerinos ou vestiarios sitúanse no nivel 0 e os seus escenarios no nivel 1 con circulacións internas claras e directas. A sala menor ten así mesmo camerinos a nivel de escena.

O acceso de público e vestíbulo prodúcense no nivel 2 co que se logra esa situación óptima para salas de música e teatro de acceder a medio nivel ao chanzo descendendo cara á escena. A sala principal proxéctase con acabado de madeira de eucalipto e a sala menor, en madeira clara de Mongoy. As paredes de paneis de madeira fonoabsorbente para as distintas frecuencias, o fondo luminoso das cabinas técnicas e o pavimento claro ou escuro en madeira, segundo a sala, configuran o seu aspecto final.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com