O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, pediu “altura de miras” a Lara Méndez e ao seu equipo de goberno para deixar atrás a ruptura existente entre os traballadores do Concello de Lugo e así acadar unha solución positiva para todas as partes na negociación da RPT. Antonio Ameijide explicou que Lara Méndez e o seu equipo de goberno “se encargaron de manexar ao seu antollo” a negociación e así “bloquear” aínda máis o Concello de Lugo e xerar unha situación de tensión nunca antes vivida nesta administración.
O popular recordou que a rexedora “conseguiu” que os traballadores municipais se puxeran en folga por primeira vez en 40 anos, o que paralizou aínda máis a vida diaria da cidade. E todo, pola “incapacidade de Lara Méndez” para dialogar e buscar consensos positivos.
Ameijide denunciou que Lara Méndez e o seu equipo levan tres anos “enganando a todos”. “Levan tres anos dicíndolle a uns que van aprobar a RPT, sen facer nada, mentres aos outros lles prometen unha modificación, que tampouco fan. Tres anos de mentiras, xogando ao despiste”, expuxo o popular.
O voceiro popular afirmou que o equipo de goberno “perdeu a pouca lexitimidade que tiña” para seguir á fronte do Concello, polo que o mellor sería que a negociación a liderase o próximo goberno local, “un goberno que busque o diálogo, o consenso e a xenerosidade de todas as partes para acadar unha RPT que mellore as condicións de todos os traballadores, desde a Policía aos administrativos, pasando por bombeiros, técnicos e todos os traballadores desta casa”.
Antonio Ameijide destacou que “non se trata de poñerse a favor duns ou doutros, trátase de poñerse do lado de toda a cidadanía” porque o dano que, segundo os populares, Lara Méndez lle está a facer á cidade “é irreparable”. “O mellor que lle pode pasar a esta cidade e aos lucenses é que Lara Méndez se marche e deixe de facer dano a unha cidade que foi a peor nos últimos vinte anos de goberno socialista”, sentenciou o popular.