O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, o Deputado Socialista no Parlamento galego, Luís Álvarez, a Secretaria Municipal do PSOE en Lugo, Ana González Abelleira, e o voceiro do Goberno Municipal lucense, Miguel Fernández, destacaron esta mañá “os anuncios revendidos e compromisos incumpridos que, cada vez que se aproximan unhas eleccións, o Partido Popular volve a sacar para tentar de enganarnos aos lucenses, facéndonos crer que ao mellor desta vez si fan ou compren”.
Os socialistas fixeron referencia a varios dos proxectos que o Goberno galego do PP “mantén bloqueados” na provincia de Lugo dende a súa chegada á Xunta de Galicia, como é o caso da Rolda Leste. Ao respecto, avanzaron que o PSOE preguntará no Parlamento de Galicia sobre o presuposto e os prazos de execución que o Executivo autonómico popular manexa para facer realidade esta vía.
Faino logo de presentar unha moción no Pleno da Deputación de Lugo esixindo xa a Rolda Leste para os lucenses. O mesmo día do seu debate, este pasado mércores, o Delegado da Xunta en Lugo presentaba “unha fotografía” sobre o trazado desta vía, referíndose á mesma como o seu proxecto técnico. Os socialistas destacaron, asemade, que hai 8 anos, o 23 de decembro de 2009, o BOE publicaba o contrato sobre o proxecto e as obras da segunda fase da Rolda Leste logo de que Emilio Pérez Touriño, na Presidencia da Xunta de Galicia, o deixase licitado.
Fíxoo tras executar a primeira fase da Rolda Leste con 9,9 millóns. “A realidade é que 8 anos despois o PP non fixo nin un só trámite, nin un só centímetro da Rolda Leste. Os socialistas levamos anos demandando esta
infraestrutura. Presentamos unha emenda ao Orzamento da Xunta para 2019, pedindo 1,2 millóns para iniciar estas obras xa. O PP rexeitou a nosa proposta e nas contas autonómicas segue sen figura unha soa partida económica para a Rolda Leste”, destacou Santos.
“Balseiro ensina agora un proxecto que quedou licitado polo bipartito hai 8 anos e empraza ao propio Feijóo e á propia Conselleira a dar explicacións sobre cando e como se executará, pois non fala de orzamento e de prazos. Balseiro quere tratarnos de tontos a todos os lucenses, ensinándonos un retrato sobre o que sería a Rolda Leste e anunciándonos que fará trámites e papeleos durante o vindeiro ano. O único que cambiou sobre esta infraestrutura dende 2009 e ata hoxe, é que agora hai unha foto grande do que debería ser e non é diante do multiusos da Xunta en Lugo”, engadiu.
“Aledámonos que despois de toda a presión realizada a Rolda Leste volva a estar na axenda política. Pero non imos a consentir que se quede unha mentira de Baleiro. Imos a preguntarlle directamente á Conselleira que orzamento se vai a destinar e que prazos de execución ten”, apuntou Luís Álvarez.