‘Con-Ética’ solicita estudos que xustifiquen o sacrificio de 30 xabarís

A Plataforma Pola Convivencia Ética Coa Fauna Silvestre “Con-Ética” presentou no rexistro da Xunta de Galicia solicitude de información detallada sobre o plan de “control” de xabarís na cidade de Lugo que xustifique a intención de sacrificio de 30 animais. Entre as informacións solicitadas, a Plataforma requírelle á Xunta copia dos informes e estudos nos que se basea o plan de medidas: estudos e informes de avaliación das distintas alternativas de prevención e control e a súa eficacia, o plan de acción resultante coas medidas a dispoñer xustificadas e a calendarización das accións e datos sobre o índice de incidencias e/ou accidentes provocados por xabarís no Concello de Lugo ou os datos de que se dispoña ao respecto.

Dado o carácter inminente das accións que a Xunta pretende levar a cabo, a Plataforma solicita que a resposta sexa comunicada na maior brevedade.

Por outra banda, Con-Ética insta á Xunta a non desenvolver medidas precipitadas e priorizar as medidas de prevención por diante de calquera medida letal. A este respecto, a plataforma exhorta á Xunta a devolver os animais ao seu hábitat, como xa propuxo o BNG, no canto de someter a un animal silvestre ao estrés do confinamento en gaiolas e ao transporte desde Lugo ata o centro de O Veral para acabar coa súa vida. Así mesmo, devolver os individuos ao seu hábitat abriría a posibilidade de proceder ao estudo do seu comportamento posterior e comprobar se os individuos teñen ou non tendencia a volver aos núcleos poboacionais. Estes datos son de grande interese para a prevención da aparición dos animais nas vilas dado que polo momento non hai estudos suficientes realizados sobre o tema.

As adhesións á Plataforma van en ascenso pertencendo á mesma a día de hoxe a Asociación Ecoloxista Adega, a Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo, Anonymous for the voiceless Lugo, Asociación Animalista Vox Anima, Asociación Galega Cova Crea, Asociación Ridimoas, Equo Galicia, Grupo de Estudo dos Animais Silvestres GEAS, Lugo Animal Save e numerosas persoas particulares interesadas polo tema.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com