Un total de 409 persoas de todas as idades participaron nas actividades que a Deputación de Lugo ofreceu de xeito totalmente gratuíto para difundir e pór en valor a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses nos Concellos de Cervantes, Navia de Suarna e Becerreá. Así o manifestou o Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, no encontro dos membros do órgano participativo deste espazo natural.
Fernández Queipo subliñou que “dende o Executivo Provincial, o noso obxectivo céntrase en dinamizar economicamente e turisticamente estes Concellos da Montaña que posúen un enorme interese e moitas potencialidades. Pretendemos resaltar o patrimonio etnográfico, cultural, patrimonial e medio ambiental do territorio integrado por estes tres Concellos de montaña”.
O Vicepresidente destacou que “con estas actividades durante o ano 2018, quixemos afondar sobre aspectos moi importantes no eido medioambiental da nosa provincia. Somos conscientes da importancia de promover accións de sensibilización social en defensa da protección do medio ambiente, como neste caso son as Reservas da Biosfera, que representan case o 55 por cento do territorio total da provincia, o que a converte nunha das maiores riquezas que temos todos os lucenses”.