Sara Veres, Trapeira de Honra 2019 da Lareira de Soños dos Vilares

A Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares xa ten escollido quen será distinguido co Premio Trapeiro de Honra 2019. Son xa seis edicións que correspondeu no 2014 a Xosé María Díaz Castro; en 2015, á Romaría Labrega da Chaira pola súa 25 edición; en 2016, ao músico Pepe de Cristos; en 2017, a Asunción dos Ares e en 2018, a Raúl Río.
Cada unha das persoas e entidades premiadas, explican dende a asociación, merecen este recoñecemento sobradamente, o poeta do Vilariño por poñer aos Vilares no mundo, a Romaría Labrega por honrar as tradicións e a história da parroquia ao longo dos anos, Pepe de Cristos representa mellor que ninguén aos músicos vocacionais que alegraron a vida da xente en tempos difíciles, Asunción dos Ares por representar a tódalas mulleres anónimas que sacaron a vida dos seus adiante pese ás dificultades e Raúl Río por representar no país e na emigración o mellor que ten o noso país, a honra e o orgullo da parroquia aló onde se atope.
Este ano, a #TrapeiraDe Honra2019 será Sara Veres Vázquez, coñecida tamén como Sara das Reixas ou Sara de Camilo, muller emprendedora en tempos nada doados que viviu desde ben pequena a experiencia da emigración e que foi taberneira, tivo mercería e foi tamén unha grande bordadora, mestra de outras moitas que viñeron despois.
Sara, cruzou o Atlántico con meses cara a Cuba cos seus pais. Era o ano 1925.  Regresaron de novo á casa aos catro anos e Sara era unha nena cubana que na aldea lle facían falar, porque lles daba moito gusto oíla. Sarita de moza foi aprender a bordar á Coruña aos Catro Camiños e paraba nos Castros na casa dunha señora de Santa Cruz de Parga.

Muller emprendedora achegou á parroquia por primeira vez o xénero, a roupa de dentro, os panos, as toallas… Comezou vendendo calcetíns, medias, panos e despois trouxo xa as teas, tergais, terlenkas e algodón para tecer.

En 1960 casa con Camilo de Lagares que tamén tiña taberna nas Reixas. Sara e Camilo unen as súas vidas e o establecemento con dous mostradores, á dereita as bebidas e á esquerda as teas. Hoxe en día o mostrador de Sara segue en activo nas mans da súa filla e os outros dous fillos son dous coñecidos hosteleiros. Tivo Sara tamén un taller de aprendizaxe de bordado, no que se formaron moitas bordadoras da parroquia.

Persoa querida e admirada na parroquia, sigue con máis de noventa anos dando os seus paseos e xogando a partida coas veciñas. Historia viva da parroquia, Sara representa ás mulleres valentes e emprendedoras, que enfrentaron a vida con traballo e moito agarimo, o espírito loitador da estirpe vilarega e da que todo nos sentimos orgullosos.

O acto de entrega do Premio Trapeira de Honra 2019 será no acto da primeira presentación do libro de Pas Veres nos primeiros meses de 2019.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com