A Xunta de Goberno aprobou hoxe as bases de selección para o acceso en propiedade da praza de sarxento de bombeiros e dúas de arquitectura, co cal a día de hoxe o Concello suma 47 prazas convocadas das ofertas de emprego público que logrou sacar adiante no que vai de mandato tras negociacións coas organizacións sindicais.
Unha vez aprobadas as bases de selección, o procedemento continúa coa publicación das mesmas no Boletín Oficial da Provincia (BOP), no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE), momento no que se abre o prazo para a presentación de solicitudes das persoas interesadas. Seguidamente, publícase no BOP unha lista provisional de admitidos e logo a lista definitiva e os tribunais para a convocatoria dos exames. Das 47 prazas convocadas, 41 teñen a día de hoxe aprobados os tribunais cualificadores, o último paso previo á celebración das probas.
Coas catro ofertas públicas de emprego que aprobou o Goberno local reforzará a plantilla municipal con 114 postos, preto do 60% en quenda libre e o 40% de promoción interna. Entre os postos incluídos nas ofertas de emprego público, figura un importante número de efectivos dos servizos de protección á comunidade, pois prevese a contratación de 19 bombeiros e 18 axentes da Policía Local, e tamén de servizos relacionados coas políticas sociais (educadores sociais, técnicos de xardín de infancia, celadores de colexio, auxiliares do fogar, entre outros), así como urbanismo, enxeñería, brigadas, informática ou Administración Xeral.
Nas catro ofertas de emprego públicas, o Goberno sempre sacou adiante o máximo de postos que permitiu a Lei, tendo en conta que entre os anos 2012 e 2015 o Goberno do PP limitou a contratación ás prazas equivalentes ás xubilacións do ano anterior. Tamén relacionado con persoal, a Xunta de Goberno aprobou o nomeamento de dous policías locais e as bases do proceso selectivo para a elaboración de dúas listas para a cobertura de prazas de traballo social, unha de persoal laboral e outra de interinos.
Por outra banda, o Executivo aprobou a actualización das tarifas de taxi para este 2019, que levaban sen modificar dende hai seis anos. A proposta acordada baséase na presentada pola Asociación Profesional de Traballadores Autónomos de Autotaxi e Gran Turismo da Provincia de Lugo, que agora será comunicada ás asociacións profesionais de traballadores e empresarios do taxi e ás de consumidores e usuarios, ademais de publicarse no BOP para que, por un prazo de 15 días hábiles, as persoas interesadas poidan presentar alegacións e suxestións. De non presentarse ningunha, darase traslado da proposta ó Consello Galego de Transportes para que expoña as consideracións oportunas e seguidamente á Dirección Xeral de Comercio da Xunta para a autorización dos prezos máximos do servizo.
No caso das tarifas diurnas (de 6.00 a 22.00 horas), soben entre 2 e 8 céntimos o prezo de baixada de bandeira e o salto de contador, e mantense o de hora de espera. En canto ao servizo nocturno, baixa 1,98€ o prezo da hora de espera, mantense o da baixada de bandeira e baixa 7 céntimos o de salto de contador. Así mesmo, suprímese o suplemento por saída dende as estacións, e báixase o suplemento por maleta ou vulto nun céntimo, establecendo como novidade a gratuidade se só se porta unha única maleta ou vulto. Tamén é novidade a implantación dun importe máximo polo percorrido ata o lugar de recollida dos usuarios no caso dos servizos prestados a través de Radio-Taxi.