O grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida considera un “disparate” que o goberno pretenda licitar a obra da pasarela sobre a N-VI para cruzar cara o estadio Anxo Carro sen que o proxecto constructivo cumpra sequera a normativa de accesibilidade.
ACE-EU constatou días atrás que as ramplas do proxecto forman un tramo único sen contemplar os descansos intermedios aos que obriga a legislación, ao que a alcaldesa respondeu que estes descansos se incluirán na fase de execución. É competencia do propio Concello de Lugo avaliar tódalas obras proxectadas no municipio para verificar que cumpren estritamente con todos os requisitos legais, sexan de iniciativa privada ou pública; e debería existir xa un informe técnico municipal que avale que o proxecto da pasarela cumpre toda a normativa en vigor, incluida a accesibilidade, trámite que o goberno ignorou.
As sancións autonómicas por incumprir os criterios de accesibilidade afectarían significativamente ás arcas municipais, pois a Lei de Accesibilidade de Galicia contempla como infracción moi grave o incumprimento das normas de accesibilidade na planificación e deseño de infraestruturas públicas que obstaculicen ou limiten o acceso ou utilización regular das persoas con discapacidade. A este tipo de infraccións administrativas correspóndenlle sancións de entre 90.000 e un millón de euros.
“Se este proxecto fose presentado por unha empresa privada nunca obtería licenza municipal. Non ten sentido que se licite unha obra pública se o proxecto non cumpre os criterios legais de accesibilidade. Os descansos nunha rampla non consisten en poñer bancos para sentarse, que é o que debe pensar Lara Méndez, a xulgar pola lixeireza coa que fala do tema”, ironiza Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.
“Trátase de incluir todos os metros de tramos intermedios entre os de ascenso, que serían dunha lonxitude mínima de 3,75 metros cada un. Se se licita a obra sen ter en conta o cumprimento da accesibilidade, habería que licitar tamén despois a reforma de todo o proxecto coas conseguintes perda de cartos para a administración local e as dificultades para que a Unión Europea admitise un reformado a posteriori. A obra e o seu custe tamén cambiarían sustancialmente, pois o seu diámetro aumentaría de xeito notable. Non estamos a falar dun detalle menor, senón de que o goberno local pasou por alto un aspecto esencial dunha obra que xa aumentou o seu custe ata os 988.400€ e que seguirá aumentando”, sinalou o concelleiro.
“Repetiremos as veces que faga falta que o goberno cometerá unha barbaridade se leva adiante unha obra mastodóntica que impactará no territorio histórico do Camiño Primitivo e que acabará superando de longo o gasto dun millón de euros para non solucionar ningún problema, pois non ofrece ningún itinerario alternativo aos que xa existen. Esta é a crónica anunciada dunha nova obra ilegal, inútil e irracional; o único sensato que a alcaldesa pode facer é renunciar á mesma e destinar os cartos a reconducir as obras da EDUSI cara intervencións sostibles e respetuosas co patrimonio histórico e paisaxístico, que sirvan para conectar realmente a cidade coa contorna fluvial. Ten moitas alternativas sobre a mesa propostas tanto por este como outros grupos municipais, que está a ignorar por pura soberbia e electoralismo”, remarcou Portomeñe.