O Concello ten pendentes 79 avisos sobre irregularidades en 8 contratos caducados

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvelou que despois de estudar un informe emitido polo xefe do servizo de contratación se “constatan as irregularidades” de Lara Méndez e o seu equipo de goberno en materia de contratación, xa que, segundo afirman os populares, pecharon o ano 2018 sen facer caso a 79 avisos relativos á necesidade de iniciar o proceso de licitación de tan só 8 contratos, dos máis de 20 que están a día de hoxe caducados no Concello.

Antonio Ameijide explicou que se trata dun informe, emitido a finais do mes de novembro, no que se avalían 56 facturas, por valor de 861.273,79€, ademais de repasar a situación na que se atopan os contratos dos diferentes servizos que o Concello de Lugo ten adxudicados.

Segundo o informe emitido polo xefe de contratación, desas 56 facturas hai 27 nas que non hai nin contrato nin convenio de colaboración en vigor “tramitados desde o servizo de contratación”, polo que, afirma, queda clara “a liña a seguir” polo equipo de goberno socialista, “é estar sempre xogando ao borde da legalidade”.

O xefe de contratación pecha o informe recordando a necesidade de iniciar os procedementos legais para licitar os contratos caducados xa que “como se fai constar nos reiterados informes deste Servizo relativos aos reparos de legalidade, a necesidade de impulsar os procedementos e de tentar remover os obstáculos que impiden a continuación dos expedientes, tendo en conta a reiteración no tempo e a contía dos reparos sucesivos”.

Antonio Ameijide explica que, segundo este informe, xa se emitiron ata 11 avisos para iniciar a licitación do contrato de mantemento, mellora e conservacións das zonas verdes, un contrato no que “houbo un pliego, pero que xa non serve de nada porque hai que adaptalo ás esixencias da nova lei de contratos e nada se fixo”.

Pero hai máis contratos que foron obxecto de numerosos avisos, como o servizo de limpeza en centros e dependencias municipais, que recibiu 23 avisos; o servizo de conservación e mantemento das instalacións de iluminación, que xerou 20 avisos; ou o ciclo da auga, que desde que caducou recibiu 24 alertas.

Outros dos servizos que máis polémica xera é o de recollida de residuos, limpeza viaria e explotación do vertedoiro municipal, que recibiu 9 avisos desde que caducou o 31 de marzo de 2017. Un contrato sobre o que o xefe de servizo de contratación asegura que “non se ten achegado ao seu servizo a documentación correspondente que permita iniciar un novo procedemento de contratación”.

Incluso, nos últimos meses aumentou o número de contratos caducados. Así, o ‘servizo de prevención alleo nas especialidades técnicas: seguridade no traballo, hixiene industrial, ergonomía e psicosocioloxía aplicada, así como da vixilancia na saúde’ caducou o 10 de novembro; ou no ‘servizo de vixilancia do fogar do transeúnte e Cei-Nodus’ finalizou a vixencia da seguridade referente ao Parque da Milagrosa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com