O BNG pide á Subdelegación e á Xunta a convocatoria da Mesa sobre a Violencia de Xénero

A edil nacionalista no concello de Lugo, Maite Ferreiro anunciou que o BNG proporá que a Mesa Técnica sobre violencia de xénero sexa convocada dende a Xunta de Galicia ou dende a Subdelegación do Goberno. Maite Ferreiro dixo que “todas as institucións teñen que analizar en que estamos fallando para que sucedan cousas como as que estamos a ver nestes días”. A edil do BNG lembrou que “esta mesa técnica tiña como obxectivo reunir, cada tres meses, a todos os axentes implicados na prevención e tratamento dos casos de violencia de xénero”. 

Maite Ferreiro sinalou que “está claro que a alcaldesa, e o goberno municipal non queren convocala pero máis que nunca é precisa a súa convocatoria”. A xunta local de seguridade constituíu no ano 2010 unha mesa técnica de violencia de xénero para a mellora da atención a vítimas de violencia de xénero. Maite Ferreiro sinalou que “en Lugo, nestes últimos días, sucederon cousas que nos obrigan a analizar como estamos actuando dende as institucións” e “tendo en conta que as competencias neste tema están claramente delimitadas, hai que traballar conxuntamente para facer un seguimento da situación e colaborar para mellorar as actuacións específicas”. 

A edil nacionalista afirmou que “a administración local, en canto é a instancia mais próxima á cidadanía, configúrase cómo espazo privilexiado para a intervención con mulleres vítimas de violencia machista”. Así mesmo, neste ámbito a coordinación supón un aspecto esencial da intervención, posto que, se partimos dunha actuación global e integral, esta só é posible coa estreita cooperación entre profesionais, facilitando unha atención eficaz, inmediata e que cubra a totalidade da rede de atención a persoas que sofren esta problemática.

Maite Ferreiro lembrou que na constitución desta mesa técnica “as reunións da mesa serían convocadas pola Concellería de Igualdade e Benestar, cunha periodicidade trimestral, levantándose acta dos acordos adoptados” e engadiu que “é algo que non se está a cumprir”. Tamén se podería reunir a mesa de forma extraordinaria sempre que o solicite calquera das institucións ou organismos representados, mediante convocatoria da Concellería de Igualdade e Benestar “e iso é o que reclamamos hoxe” afirmou Maite Ferreiro.

A este respecto, falou hoxe a edil de Benestar Social, Ana González Abelleira, quen aclarou que a convocatoria desta Mesa está pendente, dende hai máis dun mes, de que as distintas entidades que a forman nomeen a un representante, segundo solicitou o Concello. Polo tanto, aseguran dende o goberno local, en canto estean nomeadas as persoas representantes de cada entidade, o Concello convocará a Mesa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com