O Deputado pola Comarca de Sarria, Pablo Rivera Capón, e a Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, supervisaron o remate dos traballos de mellora da LU-P-5602, que financiou o Goberno da Deputación cunha achega de 173.000 euros. Estes fondos permitiron renovar 3,6 quilómetros do firme desta vía, que vai desde Samos e entra no municipio de Sarria polo núcleo de Pintín, na parroquia de Calvor.
Rivera Capón subliñou que “ademais de ser unha vía importante de conexión intermunicipal entre Samos e Sarria, a estrada atravesa as parroquias de Calvor, Aguiada e San Mamede do Camiño, polo que con estes traballos beneficiamos directamente aos máis de 300 veciños da zona. Así mesmo, por esta estrada pasan diariamente centos de peregrinos procedentes de Samos e que se dirixen, polo Camiño de Santiago Francés cara a Compostela”.
Os traballos executados na LU-P-5602, consistentes na limpeza de cunetas, o acondicionamento do firme con aglomerado en quente, e o incremento da seguridade vial coa renovación da sinalización horizontal e vertical, leváronse a cabo entre os puntos quilométricos 11,8 e 15,4.