A sala de exposicións da Delegación territorial da Xunta en Lugo acolle ata o vindeiro 14 de xaneiro a mostra das 25 obras pictóricas presentadas á XXIX edición do Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán, unha das iniciativas culturais convocadas ao abeiro do Belén Electrónico de Begonte, declarado de interese turístico galego. O certame está organizado polo Centro Cultural José Domínguez Guizán.
Na inauguración participou o xefe territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Ramón Carballo; xunto con Xesús Domínguez Guizán e Xulio Xiz, presidente e vicepresidente respectivamente do Centro Cultural José Domínguez Guizán, e o alcalde de Begonte, José Ulla. A partir do 15 de xaneiro, a mostra pasará á casa da cultura de Begonte.