O PP critica a suba de prezo dos aparcadoiros soterrados cando as prazas seguen sen ampliarse

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia que Lara Méndez permite que os aparcadoiros soterrados de Lugo experimentaran un aumento do prezo/hora dun 22% nos últimos anos, mentres os vehículos seguen sen caber nas prazas.

Antonio Ameijide explica que, desde o ano 2007, o prezo/hora dos aparcadoiros soterrados da cidade aumentou en 33 céntimos, o que demostra, segundo o popular, cal é a “verdadeira intención” dos socialistas no que a mobilidade se refire, xa que cada ano aproban “sen falta” o incremento do prezo dos aparcadoiros soterrados, pero seguen sen “acometer a ampliación das prazas”, malia que o anuncio o fixo a alcaldesa en febreiro de 2017, hai case dous anos e “non fixo nada” neste senso.

Para os populares, a suba no prezo dos aparcadoiros soterrados trátase dunha consecuencia máis da “nefasta” capacidade negociadora de Lara Méndez, xa que antes de acadar a esperada ampliación das prazas de estacionamento asina un novo incremento anual do prezo.

Neste senso, Antonio Ameijide destaca que durante os últimos catro anos de Lara Méndez á fronte do Concello de Lugo a mobilidade quedou xa “nun terceiro ou cuarto plano” xa que de todas as medidas anunciadas aínda non realizou ningunha. “Seguimos agardando a que poña en marcha un sistema rotatorio de vehículos para facilitar o aparcamento, a que acometa a ampliación das prazas dos aparcadoiros soterrados, pola reforma do transporte urbano ou polos aparcadoiros disuasorios, pero a realidade amosa que o único que fixo Lara Méndez pola mobilidade en Lugo foi empeorala”, finalizou.

Por iso, desde o Grupo Popular se realizarán preguntas ao goberno local para saber en que situación se atopan os principais problemas de mobilidade do Concello (situación na que se atopan os aparcadoiros disuasorios, sistema ORA, transporte urbano e ampliación das prazas dos aparcadoiros soterrados).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com