O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, avanzou este venres que o Goberno da Deputación achegou 31.000 euros ao Concello de Triacastela para a redacción do proxecto museolóxico co fin de poñer en valor a Cova de Eirós. Con este investimento tamén se financia a creación dun catálogo, unha paxina web e guías sobre este xacemento único de Triacastela.
Campos Conde remarcou que “con este novo proxecto promovemos a posta en valor deste enclave excepcional, xa que é a unica cova de Galicia con evidencias de ocupación de Homo Neardenthalis e Homo Sapiens na Península Ibérica, ademais é un dos xacementos paleontolóxicos mais importante de Europa para o estudo do Oso das cavernas, e tamén é onde se atopan as primeiras descubertas de arte rupreste paleolítico no norte peninsular”.
O Presidente explicou “que a creación deste museo é unha vella demanda dos veciños de Triacastela, xa que reclamaban un espazo onde coñecer in situ os achádegos que se realizan nas sucesivas campañas de escavacións da Cova, coas que tamén colaborou o Goberno da Deputación”.
A ubicación que ten prevista o Concello de Triacastela para instalar este proxecto museolóxico co fin de poñer en valor a Cova de Eirós é A Casona. Este edificio é propiedade do Xacobeo, que cederá unha parte ao Concello para destinalo a amosar os achádegos deste xacemento.