Ribadeo dará axudas para a repoboación de terreos con frondosas

O Concello de Ribadeo concederá axudas municipais para repoboar terreos con frondosas. Para explicar este novo proxecto haberá unha xornada de sensibilización o vindeiro 15 de xaneiro ás 20:30 horas na Casa do Mar. Trátase dun paso máis tras a campaña de limpeza das faixas de protección fronte aos incendios forestais que o Concello veu desenvolvendo nos últimos meses.

O alcalde, Fernando Suárez, lembrou que “desde o Concello de Ribadeo levamos mais dun ano cun traballo modélico e que poucos ou case ningún concello nin institución quixo levar adiante. Non se trata doutra cousa que a de cumprir as leis vixentes en materia de protección contra os incendios forestais, para que cando se produce un lume forestal non teñamos que laiarnos despois del polo que puido ser”.

O rexedor explicou que “de aí que o Concello requiriu formalmente, individual e colectivamente aos propietarios de mais de 700 parcelas que estaban a incumprir a lexislación en materia de distancias de plantación de especies altamente combustibles con respecto ás vivendas e aos núcleos rurais. Desde o Concello de Ribadeo estimamos que a día de hoxe aproximadamente o 80% destes requirimentos foron cumpridos ou están en fase de cumprimento (ao ter que agardar algúns deles por permisos de augas, de patrimonio, de estradas…)”.

Suárez Barcia engadiu que “a parte restante, a que non fixo caso, a que se nega, ben por seren de propietarios descoñecidos ou porque non se poñen de acordo porque o terreo é de varios ou porque simplemente pensan que non vai con eles, debemos dicir que desde o Concello estamos nestes días identificando as fincas para proceder á execución subsidiaria a través de empresas especializadas. E que posteriormente lles pasaremos o custo de todo este traballo”.

O alcalde ribadense subliñou que “ademais de todo isto, queremos dar un novo paso moi importante: Queremos recoñecer o esforzo de adaptación dos que si fixeron caso, que foron moitos, e desde o Concello queremos botar unha man na repoboación destes espazos limpos para evitar que volvan retroñar, sabendo que esta norma débese cumprir cada ano e non unha soa vez. Para iso, a mellor maneira é a de repoboar con especies frondosas coma os freixos, castiñeiros, nogueiras, carballos, cerderias, bidueiros, etc”.

Fernando Suárez seguiu a relatar que “para isto o Concello acaba de habilitar unha partida inicial de 6.500 euros para os propietarios de terreos que o soliciten. O Concello de Ribadeo encargará a un viveiro e posteriormente entregará estas especies frondosas, que están contempladas na normativa da Lei de Montes de Galicia, no número necesario para cumprir os límites que esta lei establece para Solo Forestal e Solo Agropecuario, isto é 1 unha árbore frondosa por cada 49m2 en forestal e 1 árbore frondosa de froito por cada 100m2 en agropecuario”.

O rexedor manifestou que “para axudar a explicar todo isto temos planificada unha charla pública sobre as faixas de protección dos núcleos habitados fronte aos incendios forestais, que se desenvolverá o vindeiro 15 de xaneiro ás 20:30 horas na Casa do Mar. Será impartida polo técnico de Medioambiente do Concello así como por persoal técnico do Distrito Forestal da Mariña”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com