O vicevoceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Enrique Rozas, ve “imperativo” que Lugo se una ao convenio tipo para regular os procesos selectivos de auxiliares e policía local a través da Academia Galega de Seguridade Pública.
Enrique Rozas explicou a necesidade de unirse a esta convocatoria vén derivada de que case 30 axentes iniciaron xa os pasos necesarios para acollerse á xubilación anticipada, polo que de confirmase esas baixas, o corpo da Policía Local de Lugo quedaría nunha situación “límite”. Neste senso, o popular manifestou que “urxe” que Lugo se una a este convenio o antes posible para así informar das prazas que “precisamos convocar” e ter o máis axiña posible os axentes en Lugo.
Segundo explicou o vicevoceiro popular se Lugo se une a este convenio se paliaría o problema de falta de persoal dun xeito “rápido e a custe cero” para o Concello de Lugo, o que viría a reforzar un corpo “diezmado” nos últimos anos e que podería ver o seu número de axentes a menos de 100, deixando a Lugo moi lonxe dos 177 efectivos que tería que haber segundo a ratio recomendada pola Unión Europea (1,8 axentes por cada 1.000 habitantes).
Ademais, o vicevoceiro popular recorda que, segundo os últimos datos aos que o Grupo Popular tivo acceso, xa había 53 concellos adheridos a este convenio, entre os que se atopaban A Coruña, Santiago e Ourense, polo que “urxe” a Lara Méndez a asinar este convenio xa que os concellos “poden adherirse en calquer momento”.
Enrique Rozas recriminou “a incompetencia dos sucesivos gobernos socialistas no tocante a reforzar o cadro de persoal da policía local, cada vez máis mermada como consecuencia dunha falta de dirección política”. “Nos últimos anos non houbo previsión de cubrir vacantes e o único que se lles ocorre, na súa defensa, é culpar á lei Montoro cando saben que é un argumento falso porque, desde sempre, se permitiu a taxa de reposición do 100% por xubilación na policía local”.
O decreto que regula este convenio, publicado no DOG do 22.11.2017, recolle que a adhesión será voluntaria e que non supón ningunha contraprestación para o municipio. O obxecto desta cooperación é delegar todas as competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso á categoría da policía local que se determinen no propio convenio; o prazo de vixencia será de catro anos, prorrogable por igual período de tempo.