Vilalba Aberta presenta un Plan de Desenvolvemento Económico e Fiscal na loita contra o declive demográfico

Vilalba Aberta ven de facer pública a súa última iniciativa, a defender no vindeiro Pleno Ordinario de Xaneiro. Unha proposta marco aos grupos con representación da corporación, que atopa o seu contexto no continuado decrecemento demográfico do que é vítima o Concello e que se viu confirmado logo da publicación dos últimos datos do INE, relativos ao Padrón Municipal de Xaneiro de 2018.

“Desenvolvemento económico e políticas fiscais” – apuntan – para “poñer fin” a un declive que levou ao Concello de Vilalba a perder 562 habitantes, se atendemos ás cifras correspondentes ao ano 2014. “A crise demográfica non é un fenómeno meteorolóxico. É a consecuencia directa de políticas impostas e afastadas do sentido común e do interese xeral da veciñanza”, declaraba na mañá de hoxe o voceiro municipal da formación, Modesto Renda.

“Os recursos procedentes doutras administracións deben ser un activo fundamental que impulse e fixe de poboación; mais levamos décadas vendo como a chegada de fondos públicos (autonómicos, estatais e europeos) para o desenvolvemento do noso Concello non teñen apenas repercusión. Ao tempo, Vilalba agoniza entre a vergoña do despoboamento e a parálise dunha rede caciquil pouco interesada en revertelo”, argumentou o edil.

A este respecto, dende a formación asemblearia fan referencia a “decisións políticas” tales como a supresión das liñas de transporte entre o casco urbano e as parroquias; as incertezas en servizos de proximidade fundamentais (atención primaria e educación de 0 a 3 anos); a negativa do Partido Popular a dirixir un proceso de defensa do sector primario; ou a incapacidade das diferentes administracións para desenvolver unha política forestal sustentable e  economicamente rendible; en tanto que medidas, entre outras, responsables do dramático saldo vexetativo.

Unha dinámica, que para Vilalba Aberta non fai máis que “retratar a incapacidade manifesta do Partido Popular, tanto a nivel municipal coma na Xunta, para artellar social e territorialmente o Concello.”

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com