Afundación trae a Lugo as mellores fotografías da natureza

Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta a exposición Fotógrafos da natureza 2018. European Wildlife Photographer of the Year na súa sede de Lugo. A inauguración terá lugar o vindeiro 14 de xaneiro e poderase visitar
ata o 27 de abril, de luns a sábados en horario de 18.00 a 21.00 h.

Esta exposición está composta por 84 fotografías presentadas ao concurso European Wildlife Photographer of the Year celebrado no ano 2018, un certame que comezou no ano 2001 e que xa se converteu nun referente da fotografía da natureza neste continente, tanto a nivel profesional como amateur.

Todas as imaxes son instantáneas non manipuladas que mostran a natureza en estado puro co obxectivo de concienciar ao espectador sobre a necesidade de preservar o medio natural. Son fotografías inspiradoras, que reflicten as moitas caras da natureza desde puntos de vista sorprendentes e inusuais.

Por primeira vez nos seus 17 anos de existencia, este concurso ten dous gañadores xerais. A primeira é unha imaxe de Erlend Harrberg titulada Pelexa na neve na que conseguiu fotografar a dúas lebres das montañas de Noruega, unha especie en perigo de extinción. A segunda fotografía gañadora, Incautado, é obra da alemá Britta Jaschinski e nela reflíctese unha das brutais accións do home contra o medio natural co retrato de dous tallos confiscados realizados con patas de elefante e pel de cebra.

Xunto a elas, 82 fotografías máis para que o espectador poida coñecer o medio natural dunha maneira diferente. Ademais, no marco desta mostra, a Obra Social de ABANCA ofrece aos centros escolares a posibilidade de asistir á exposición e participar en diferentes propostas educativas adaptados ao currículo dos centros escolares que pretenden ser un reforzo das súas programacións utilizando ferramentas orixinais que unen diversión e aprendizaxe.

Así, para os escolares de infantil a terceiro curso de educación primaria deseñouse a didáctica Correr, saltar e chapuzar. Animais salvaxes e un pouquiño máis…; os alumnos e alumnas de cuarto de primaria a primeiro curso de ESO terán a oportunidade de participar en Baixo un manto de estrelas eles dormen mellor; finalmente, para os estudantes de segundo ciclo de ESO, de bacharelato e de ciclos formativos preparouse a proposta didáctica Wildlife 2018. Máis de 400 escolares de centros educativos de Lugo e arredores xa reservaron praza para participar nestas propostas educativas. Máis información e reservas no teléfono 982 289 096 ou en areaeducativalugo@afundacion.org.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com