O PSOE de Folgoso do Courel denuncia que o Concello non limpou, nin botou sal en varios camiños e estradas municipais de varias parroquias de Folgoso do Courel durante toda a fin de semana. “A Alcaldesa volve a amosar a súa total despreocupación, deixando sen acondicionar varias zonas do municipio, por exemplo en Ferreirós de Abaixo, provocando que os veciños non poidan saír das súas casas ao estar o camiño xeado, sendo moi perigoso para os cidadáns máis maiores” criticou a voceira socialista, Carmen Álvarez.
“Dende a Agrupación Socialista de Folgoso do Courel solicitamos e esiximos ao Concello que solucione este problema de inmediato pois está a prexudicar a ducias de veciños que non poden nin tan sequera facer a compra”.
“Durante estas épocas invernais, de xeadas e baixas temperaturas, nas estradas e os camiños do Concello acumúlanse grandes cantidades de neve e xeo polo que é fundamental votarlle sal a estas vías para que os veciños poidan circular por elas sen ningún tipo de problema. Recibimos varias queixas veciñais de persoas que durante estes días non puideron realizar xestións como ir ao médico ou ao banco debido ao estado destas infraestruturas municipais”.