Até o 65% do tabaco que se consume remata no chan o que conleva que cada ano se depositen en lugares non apropiados ao redor de 4’5 trillóns de cabichas. Cada unha delas tarda en descompoñerse ao redor dunha década, un proceso durante o cal libera substancias nocivas para a saúde como pesticidas ou alcatrán.
“Tirar os cigarros á vía pública é un mal hábito e, sobre todo, un costume tan prexudicial para o ecosistema como normalizado, non hai máis que observar o ateigados que están os alcorques do arboredo urbano. Unha agresión que se comete con tanta naturalidade que, de feito, supón o 30% dos desperdicios, por diante de envases, botellas, bolsas ou plásticos – explica Víctor Álvarez- polo que se trata dunha ameaza real e moi perigosa con consecuencias que alcanzan á cadea alimentaria”.
Dende Lugonovo propoñen combatela a nivel municipal desenvolvendo unha serie de medidas entre as que se atopan a posta en marcha de campañas de sensibilización cidadá e mesmo o establecemento de sancións. “As cabichas son un risco para a saúde e a súa retirada das rúas resulta moi custosa para os Concellos. Por iso cremos necesario e urxente loitar contra elas dende a propia administración local”, indica Álvarez Arias.
Sinalizar os restos de forma vistosa ou rechamante, instalar cinceiros ou papeleiras específicas en ubicacións de moito tránsito ou de concentración de persoas fumadoras, así como a colocación de cartelería informativa nos estancos e mesmo algún tipo de acción dinamizadora na cidade e nas redes sociais son algunhas das suxestións que achega a formación.
“Calahorra, na Rioxa, foi unha das rexións que liderou a erradicación do que xa se considera un dos maiores problemas que debe afrontar a limpeza urbana. E, ao igual que en Francia, incluso optaron por impoñer multas aos que, desoíndo as advertencias, persisitiran na súa conduta de bimbar os despoxos do tabaco. Se ben é certo que a falta dunha lexislación axeitada impide proceder con maior contundencia sobre este tipo de infraccións tamén o é que se poden iniciar outras actuacións máis sinxelas pero igual de efectivas para concienciar á poboación da transcendencia que teñen xestos coma ese”, conclúe o concelleiro de Lugonovo.