O Partido Popular afirma que a falta de previsión do goberno de Lara Méndez no tocante á cobertura das xubilacións anticipadas dos policías locais “vai deixar en cadro neste 2019 ao servizo”. O vicevoceiro popular asegurou que “nunca antes Lugo estivo tan xusta de efectivos” reflexionando que “cando se xubilen os 32 axentes que se acolleron a esta posibilidade que lles brinda a lei a plantilla da policía local reduciráse de forma drástica e pasaremos a contar con tan só 80 efectivos”. Rozas asegura que “a recomendación europea 1,8 axentes por cada 1000 habitantes será, no noso municipio, unha utopía xa que para cumprir con esta ratio teríamos que contar con 175 axentes”.
Enrique Rozas asegura que de non convocar de forma urxente as prazas das vacantes da policía local podería colapsar un dos servizos esenciais para garantir a seguridade dos cidadáns. O popular lamentou “a falta de previsión e a inacción da alcaldesa a quen lle reclamou a convocatoria urxente desta prazas. O vicevoceiro da agrupación indicou que para axilizar este proceso ten a posibilidade de adherirse ao convenio coa Academia Galega de Seguridade que se encargaría de realizar o proceso selectivo e de formación dos novos policías.
Rozas afirma que hai concellos galegos que xa se adiantaron a xestionar a cobertura das xubilacións dos seus policías para evitar que os seus municipios quedasen sen efectivos. “Trátase dunha cuestión de organización e vontade política” dúas cualidades das que lamentablemente “non fan gala o PSOE de Lugo” concluindo que o equipo de goberno non fixo nada para evitar a perda de axentes pola xubilación anticipada.
1 de febreiro, nova OEP no Concello
O voceiro municipal, Miguel Fernández, explicou hoxe que, ante a escaseza de plantilla da Policía Local, a previsión da xubilación do xefe do corpo e a entrada en vigor do Real Decreto Lei que regula a xubilación anticipada dos axentes, o Goberno local incluíu nas catro ofertas de emprego público que sacou adiante un total de 19 prazas de policía, 8 de quenda libre e 11 de promoción interna, neste caso 4 para ascender a inspector, unha a inspector principal e unha a intendente.
Ademais, o voceiro anunciou que, en canto remate o prazo que establece o decreto de xubilación anticipada para que os axentes comuniquen a súa intención de acollerse ao mesmo, o 1 de febreiro, o Goberno presentará a oferta de emprego público deste 2019 que cubrirá o 100% das xubilacións producidas, e contemplará a promoción interna para tres inspectores.