No ano 2015, Laszlo Nemes presentouse no panorama internacional con O fillo de Saúl, unha contundente e polémica visión do Holocausto, ese acontecemento terrible que a humanidade non pode deixar atrás. O filme presentouse con grande éxito no festival de Cannes e logo gañou o Oscar a Mellor filme de fala non inglesa. Era a súa ópera prima, mais Nemes xa tiña unha longa experiencia no cinema, como técnico en diferentes funcións de moitos proxectos cinematográficos, entre eles, O home de Londres, unha das últimas películas do gran mestre do cinema maxiar, Béla Tarr.
Agora, tres anos despois do seu debut, regresa aos cinemas con Atardecer, outro drama histórico que nos pon na pel dunha protagonista dun período convulso do pasado. Se en O fillo de Saúl, recuperaba unha iconografía moi visitada polo cinema, agora céntrase nuns acontecementos máis propios da historia de Hungría: todos os movementos políticos e sociais que desencadearon a primeira guerra mundial e a disolución do Imperio Austrohúngaro. Recuperando o estilo da súa anterior obra, Nemes segue á protagonista (o rostro aparentemente fráxil, pero finalmente poderoso de Juli Jakab) como se fose unha pantasma, un espectro que viaxa desde 2018 ata 1913, seguindo a historia desta rapaza, que se vai revelar como testemuña imprescindible da historia dun país, de toda unha civilización.
Con Nemes, recupérase un gran cinema europeo, con estilo propio, de gran ambición formal e que se atreve a reflexionar e discutir sobre a Historia de Europa. Un cinema de innegable gran factura técnica, coidado pola representación histórica e de gran importancia didáctica. Facer cinema para Nemes supón unha transmisión de coñecemento que, no seu caso, faise sen descoidar unha identificación total co drama e a acción que relata. Estamos a falar dun filme estarrecedor e abafante, ao tempo que reflexivo, na liña de grandes cineastas europeos de outro tempo como Ingmar Bergman, Andrzej Wajda ou Theo Angelopoulos.
Últimos pases de Cold War
Despois de seis semanas de grande éxito nas salas e dunha case unánime recepción entusiasta, os Códex despídense finalmente de Cold War, que nesta semana terá aínda algúns pases para todos aqueles que aínda non viron unha das películas do ano, unha das grandes revelacións das billeteiras lucenses. Un filme en versión orixinal polaca, en branco e negro e rodado en formato da academia 1.37 :1 triunfou en Lugo, demostrando que hai público na cidade para este tipo de propostas.
Do mesmo xeito dicimos adeus a outra película moi querida por nós. Trátase de Elis. A voz do Brasil, o filme de Hugo Prata que amosa a biografía da gran cantante brasileira Elis Regina. Filme posuído polo espírito desta artista fundamental e pola súa inesquecible voz. Por outra banda, continúan as proxeccións de Un asunto de familia, Razzia e Viaxe a Nara.