“Estamos en xaneiro, o primeiro mes dun ano que será moi complexo administrativamente por moitas razóns. Unha das máis importantes, a celebración de eleccións polo que o goberno local exercerá durante algún tempo en funcións”. A portavoz de Lugonovo cre que esta circunstancia obriga ao executivo actual a traballar con previsión e a facer un esforzo organizativo para non deixar ao descuberto procedementos fundamentais da xestión municipal que, pola súa periodicidade, resultarían sinxelos de planificar para así garantir a súa prestación sen adiamentos. “Só é cuestión de ter vontade política e priorizar o interés xeral ao partidista”, di Cristina Pérez Herráiz.
“Da parálise xa estamos fartos e o que non se pode consentir é que, ademais das eivas que xa enlentecen a actividade desta institución como son os conflitos en materia de persoal ou a falta de efectivos en moitos departamentos, se lle sume o lastre da constitución dunha nova Corporación, por iso solicitámoslle ao equipo da alcaldesa que aproveite o que lle resta de mandato para elaborar un cronograma con aquelas tarefas primordiais que cada área debe tramitar por riba de calquer atranco”.
Pérez Herráiz pon o foco especialmente na sección de Cultura na que resultaría, se cabe, máis sinxelo estruturar o seu labor pola continuidade que teñen as actividades que organiza. “Moitas das citas lúdicas da cidade son repetitivas: as festas do Arde Lucus e San Froilán, a Mostra de Teatro Clásico, o Corpus, etc… Unha axenda da que se coñece a data con antelación o que facilita aos seus responsables a abordaxe coa suficiente marxe de manobra como para efectivizar as contratacións necesarias en tempo”, considera a voceira da formación.
“O que non queremos é ter que asistir a outra xestión bochornosa como a que vivimos este Nadal co acendido da iluminación ornamental ou mesmo coa Cabalgata de Reis, un expediente que se formalizou o 7 de xaneiro, dous días despois de celebrarse”, reprocha Cristina Pérez.