A curtametraxe O Neno e a sombra acada en tan só vinte e dous días, dos corenta que dura a campaña, o seu primeiro obxectivo ao conseguir 6000 euros.
O equipo agradécelles aos 117 mecenas que xa colaboraron con este proxecto as súas achegas económicas e lembra que a campaña de crowdfunding segue aberta ata o día 28 de xaneiro; polo que as persoas que aínda non tiveron oportunidade de colaborar, poden facelo entrando na plataforma Verkami, onde atoparán toda a información necesaria.
En caso de conseguir os novos obxectivos, 6500 e 7000 euros, todos os mecenas recibirán recompensas extras como agradecemento á súa colaboración.
O Neno e a Sombra, dirixida por Xaime Miranda é unha obra baseada no noso patrimonio inmaterial, onde as meigas, o mal de ollo ou os ritos curativos conforman o substrato da historia. Temáticas recurrentes no xénero cinematográfico de orixe británica, coñecido como folk horror, no que se inspira a curtametraxe.
Este proxecto cinematográfico está asesorado polo antropólogo Rafael Quintía e conta cun reparto de alto nivel, con profesionais como Miguel de Lira, Manuel Lourenzo, María Roja ou Diego Anido. Ademais de Xaime Miranda, o equipo está formado polos mariñáns Sabela Blanco, Lucía Ramiro, Uxío Corbelle e Iago Villarino. A banda sonora correrá a cargo de Nuno Pico, músico do Valadouro e membro do grupo Oh! Ayatollah.
Para a realización desta curtametraxe, que será rodada integramente na Mariña, escolléronse lugares tan suxestivos coma as aldeas de Vilarxubín e San Pedro de Bogo, ambas no concello de A Pontenova, ou a contorna da Fraga Vella, unha zona de gran singularidade paisaxística.
Sobre a campaña de crowdfunding e sobre este proxecto audiovisual pódese obter máis información na páxina de Verkami e nas redes sociais.