A Plataforma Feminista de Lugo vén de convocar para mañá, martes 15 de xaneiro, unha concentración ás 19:30 horas diante do Concello de Lugo, coa que se suma ás protestas do movemento feminista de todo o Estado que quere amosar o seu rexeitamento ao discurso “fascista e de odio” de VOX, e a súa solidariedade coas mulleres de Andalucía que corren serio perigo de ver recortados os seus dereitos sociais e liberdades civís. O lema das mobilizacións simultáneas en toda Galicia e resto do Estado será “Nin un paso atrás en igualdade e diversidade. Os nosos dereitos non se negocian”.
“As feministas non poder ficar impasibles ante a intención de VOX de poñer en dúbida a existencia da desigualdade estructural entre homes e mulleres e o seu negacionismo da violencia de xénero, polo que é un deber saír a defender os avances tanto conceptuais como legais que tanto lle custou conquistar ao movemento feminista”, explica Jennifer Santín Vivero, integrante da Plataforma. A Plataforma Feminista de Lugo considera tamén prioritario sinalar a “nefasta actuación” de PP e Cidadáns “tanto negociando como pactando” con VOX, pois, en visión da Plataforma, “están reducindo os dereitos das mulleres a mera moeda de cambio política e dando lexitimidade a un discurso antidemocrático e abertamente fascista que non debería ter cabida nunha democracia”.