Usuarios da UMAR reclaman os servizos de fisioterapia e logopedia en Burela

Unha multitude de nais e pais achegáronse hoxe ata o centro de saúde de Burela, onde estaba situada a Unidade Móbil de Axuda ás Reclamacións (UMAR) para facer pública a súa indignación polo abandono que desde hai uns días sufren os nenos que estaban a recibir un tratamento de logopedia por parte dunha clínica privada que tiña concerto co Sergas, e que deixa de atendelos.

Dado que o servizo público de logopeda a partir dos seis anos de idade non existe como tal na comarca da Mariña o Sergas fixera un convenio cunha clínica privada para ofertar o servizo; pero segundo explicaron esta mañá pais e nais de usuarios, hai uns días avisaron desde a clínica de que o “convenio co Sergas quedaba suspendido por desacordo co mesmo e que deixaban de atender ás nosas nenas e nenos. Tamén nos dixeron que os historiales marcharan para Lugo”.

Esta indignación pola supresión do servizo vense sumar ao malestar que xa existía na comarca da Mariña desde hai un tempo pola inexistencia da logopeda de Atención Temperá, que se encargaría da atención das crianzas ata seis anos de idade. “Parece que fixeron efectivo o refrán de se non queres unha taza de caldo, toma dúas”, comentaban.

Outra das demandas que congregou a gran número de veciños é o máis que necesario e solicitado servizo de fisioterapia no centro de saúde de Burela. Esta demanda, xa histórica, produciu gran enfado entre os usuarios xa que están a ser derivados a unha clínica privada que está sobrecargada de traballo e que acumula agardas excesivas.

A ausencia do servizo en Atención Primaria provoca situacións “tan esperpénticas” como que a médica de familia non pode prescribir tratamento algún de rehabilitación/fisioterapia, tendo que ser derivados á médica rehabilitadora do hospital. “Esta profesional, única para unha poboación de máis de setenta mil habitantes vese desbordada, e o mais que colapsado servizo hospitalario ten que atender casos que ben podían ser resoltos no ámbito da Atención Primaria”, explican dende a UMAR.

Desde a Plataforma Sanitaria advirten que “estamos ante dous problemas moi serios na atención sanitaria pública, pois estamos a falar de nenos aos que deixan abandonados á súa sorte”, obligando a que se desplacen a Lugo a recibir o tratamento de logopedia ou a acudir a profesionais privados. “Esto son dous exemplos máis da folla de ruta do goberno da Xunta na súa ansia de desmantelar a Atención Primaria. O problema da sanidade pública estáselle indo das mans a Núñez Feijóo e corre o risco de converterse nunha situación de emerxencia”, advirten.

O colectivo sanitario recolleu en dúas horas máis de cen reclamacións referidas á instar á creación dun servizo público de logopedia que garanta a asistencia de pacientes maiores de seis anos así como a dotación do correspondente logopeda de Atención Temperá. Do mesmo xeito reclaman que se cree un servizo de fisioterapia no centro de saúde de Burela dotándoo de espazo, material e persoal .

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com