Que Feijóo declare a independencia

Eu creo que Feijòo debería declarar a independencia de Galicia, sacrificándose polo futuro deste país. Se así o fai, obtería unanimidade no Parlamento galego, sabendo que isto abrirá as portas ós investimentos do goberno central, e ao definitivo lanzamento da nosa industria, comercio e turismo. E quizais da agricultura e gandeiría, aínda que isto é máis complicado.

A única dificultade íaa ter no seu propio partido. Convencidos os do PP de que é a mellor solución para este pais, Feijóo vería como se votaba por aclamación a súa proposta, con entusiasmo por parte do Bloque, con satisfacción do resto da esquerda e coa estupefacción do Psoe, asombrado de que o traballo do goberno de Sánchez dera como resultado en Galicia un paso adiante na independencia deste pais, que un tempo foi un Reino, cousa que nin Euskadi nin Cataluña foron, e agora por fin recibir xusto e merecido trato.

Ao mellor Feijóo ten que exiliarse a Bruselas (quédalle máis de preto Portugal, pero os portugueses son capaces de extraditalo a España), pero calquera sacrificio para un home de estado verase compensado polos beneficios do futuro.

Se nos aplican o 155, só beneficios poden derivarse da invasión oficial, que vai resultar un Xacobeo anticipado.  E só con agardar uns meses, no próximo orzamento xeral do Estado, Galicia vai recibir un feixe de millóns que lle permitirá igualarse aos territorios beneficiados este ano, no que se nos castiga por ir detrás de todo, ata na declaración dunha independencia á que temos máis dereito ca ninguén por historia, xeografía, institucións… e por necesidade de recibir cartos que Pedro Sánchez xa explicou ben claro sen decilo que ou eres independentista ou non tes nada que facer.

Non sei que agarda Feijóo, porque afeito a recibir indicacións de Madrid, ten que ter notado que Sánchez se expresa moi claro – só falta que o diga no B.O.E.- que ou se deixa de sentidiño, convivencia, tranquilidade e gaitas, ou non hai nada que facer.

Se eu fose Sánchez, botábame a rir. Se fose do Psoe galego, botábame a chorar. Se fose Feijóo, declaraba a independencia. E que nos dean. Cartos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com