A Asociación Animalista Libera advertiu esta mañá que o desembarco de VOX en Galicia, e de forma concreta en Lugo, é un “claro ataque” a todas as políticas públicas de protección animal que se puxeron en marcha nos últimos anos, xa que esta formación ultradereitista defende a desregulación da caza, ata liberalizarla ao extremo de non existir normas autonómicas, e as corridas de touros, tendo en conta que é unha práctica rexeitada socialmente.
Os animalistas, que mostraron o seu apoio ás mobilizacións do movemento feminista e LGTBI, sinalan que VOX constitúe unha “involución democrática, unha nostalxia onde os animais eran torturados e maltratados en nome de prácticas tradicionais, as mesmas que tentan vincular a un Mundo Rural que cada vez se posiciona máis contra a crueldade animal”.
Neste sentido, o colectivo subliña como a propia Federación Galega de Caza aplaudiu publicamente o pacto de Tiros e Touros asinado polo Partido Popular e VOX en Andalucía, e instou ás forzas políticas locais a clarificar se pactarían con esta forza contraria a calquera avance social, xa que de ser así, Libera! non os incluirá na súa particular campaña sobre as Eleccións Municipais e a convocatoria europea. A resposta dos defensores dos animais prodúcese despois dos intentos desta formación ultra de pechar candidaturas en varias cidades da comunidade, entre elas Lugo.