A Xunta axudará a impulsar proxectos de dinamización do Xacobeo 2021

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, presentaron hoxe en Lugo o programa O teu Xacobeo, a convocatoria de axudas a novos proxectos de dinamización do Xacobeo 2021, no que o Goberno galego quere implicar a todos os axentes da sociedade.

Segundo apuntaron, a Xunta pretende organizar o Xacobeo máis participativo dos últimos anos e con ese obxectivo vén de convocar un programa aberto a calquera cidadán, empresas, entidades públicas e privadas e sen ánimo de lucro da Comunidade. A delegación territorial da Administración autonómica acolleu un acto informativo ao que asistiron representantes de concellos, mancomunidades, grupos de desenvolvemento rural (GDRs) ou diversas asociacións da provincia de Lugo, entre outros.

A orde de axudas en réxime de concorrencia competitiva foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 14 de xaneiro e está dotada cun orzamento de 2 millóns de euros para impulsar proxectos en cinco ámbitos ao longo de 2019 e ata abril de 2020.  Este programa fomentará iniciativas “na esfera artística, do patrimonio, a historia, o pensamento e a espiritualidade, a gastronomía, o deporte ou o ámbito social”, apuntou o delegado, quen engadiu que “o Xacobeo 2021 farémolo todos e en todo o territorio”.

Poden optar a este cofinanciamento tres tipos diferentes de solicitantes: entidades locais (concellos galegos, mancomunidades de concellos, consorcios locais e as deputacións provinciais), entidades privadas (persoas físicas ou xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidas na definición de pequena e mediana empresa) e entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

Para as entidades públicas, hai unha liña de 875.000 euros para subvencionar, en función do tamaño demográfico, un máximo do 85% por proxecto ata os 50.000 euros. No tocante ás entidades privadas, disponse de 825.000 euros adicionais que cubrirán un máximo do 60% ata 25.000 euros. Finalmente, para entidades sen ánimo de lucro consígnanse 300.000 euros, con axudas polo 90% do proxecto presentado e ata 20.000 euros.

O teu Xacobeo abrangue cinco áreas subvencionables: ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social. 

O ámbito artístico comprende toda unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, artesanía, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas (teatro, danza, novo circo etc.), literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos, conferencias, xornadas de formación, programas de intercambio con expertos doutras nacionalidades ou charlas educativas en colexios, entre outras opcións.

En canto a área gastronómica, O teu Xacobeo inclúe experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribúan a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial. Tamén a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas (por exemplo: catas e degustacións, charlas, talleres, actividades de formación e intercambio, publicacións, feiras e outras).

No ámbito deportivo prevense eventos de calquera disciplina, con especial atención ás actividades non profesionais e para todos os públicos. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas, clases en grupo e disciplinas relacionadas co benestar, o fomento da vida activa e o gozo respectuoso da natureza.

Por último, a quinta área subvencionable, o ámbito social, contempla os programas de voluntariado, sociais e/ou educativos que fomenten a inclusión e participación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com