O BNG proponlle ao goberno municipal que retome a campaña de recollida de aceite usado doméstico, unha campaña que foi lanzada polo Concello de Lugo en xullo do 2009 pero que foi quedando no esquecemento que “a última campaña deste tipo tivo lugar no 2009, e dende aquelas xa pecharon moitos dos establecementos nos que se recollía” informou Rubén Arroxo. Tal e como se pode observar na propia web municipal, no apartado da Liña Verde obsérvanse aínda cando menos 7 establecementos comerciais onde ser recollía o aceite usado, pero que levan xa 8 anos pechados.
O portavoz municipal do BNG puxo de manifesto que en todo este tempo nin se actualizase a web municipal neste aspecto, lembrando os beneficios desta reciclaxe pouco custosa “por experiencia noutros concellos se a xente ten un sitio próximo onde botar o aceite usado, e se lles explican as vantaxes disto, acaban reciclando nunha forma considerable”. O grupo nacionalista propón retomar a colaboración con puntos comerciais para que toda a veciñanza teña un punto próximo onde deixalo, ademais de levar a cabo unha nova campaña informativa.
Entre as vantaxes de reciclar o aceite doméstico usado atópase que se reduce de forma significante a contaminación deste elemento na auga, prolóngase a vida útil das depuradoras e das canalizacións, evítanse atascos, e pode ser usado como un elemento combustible “por cada litro de aceite obtense case outro litro de biodiesel polo que estaremos colaborando tamén a depender menos do petróleo” informou o portavoz do BNG.