O voceiro do PSOE en Cervo, Francisco Mon, criticou este venres que “o emprego no municipio non se dinamiza gastando 1,5 millóns de euros para colocar a 40 persoas no Consistorio”. Fixo esta afirmación tras a valoración do Alcalde do PP alardeando das políticas de emprego, tras aprobarse, co voto en contra dos socialistas, os orzamentos para o 2019.
“É lamentable que o Alcalde recolla nos orzamentos unha partida de máis de 1,5 millóns de euros, o que supón o 21% do total, para persoal laboral, é dicir, para contratacións a dedo. Dende o PSOE non estamos dispostos a aprobar uns presupostos que fan oídos xordos as necesidades dos veciños e que amosan un nulo compromiso pola xeración real de postos de traballo. Non hai un compromiso por reactivar a economía do Concello, facéndonos depender perigosamente da situación de Alcoa”.
“Os socialistas demandamos medidas para paliar o problema do paro neste Concello que volveu a subir neste último ano. Impulsar un plan de emprego específico para as persoas que pertencen aos colectivos máis sensibles como os maiores de 45 anos, que supoñen o 47% dos parados de Cervo, así como o 67% nas mulleres. Iso se pode facer fomentando a reciclaxe actualización profesional e facilitando a contratación a través de incentivos económicos”.
O Concello inviste un 50% menos de fondos propios
Francisco Mon censurou que o Concello “inviste dos seus propios fondos 380.000 euros, un 50% menos que no ano anterior. É un claro exemplo da importancia que lle da o equipo de goberno a mellorar as prestacións públicas municipais, posto que as obras que están a executar son necesidades que os veciños xa demandaban hai mais de 4 anos,e que o Alcalde esperou para darlle rédito electoral. O problema é que deses cartos a maioría non se executará, como levan facendo todo o mandado. Alardean de actuacións que financian outras administracións”.
Presupostos “antisociais”
O voceiro do PSOE alertou de que “estes presupostos son sumamente antisociais porque por unha banda, os veciños van a seguir coa mesma presión recadatoria e, por outra banda, non van ter retorno en accións que vaian mellorar a súa calidade de vida”.