A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou hoxe que Lugo poderá dispor, por fin, da nova sede do Instituto Nacional de Estatística (INE) logo de que o novo Executivo logrou desbloquear os atrancos para a recepción das obras de rehabilitación e acondicionamento do antigo Sanatorio Portela.
A subdelegada do Goberno, que efectuou esta mañá unha visita ao edificio acompañada polo responsable do INE na provincia, José Manuel Colmenero, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, explicou que “desde o Goberno de Pedro Sánchez fixemos todo o posible para resolver unha situación que atopamos inxustamente atascada, penso que xa era hora de sacar adiante o proxecto para que o INE dispoña da súa sede en Lugo”.
Isabel Rodríguez explicou que INE acaba de recibir, por fin, a obra de rehabilitación e acondicionamento feita neste edificio do antigo Sanatorio García Portela, unha obra que acabou en 2017 e na que se investiron 2,4 millóns de euros. “Desbloqueamos así unha situación que impedía a entrada en servizo destas magníficas instalacións e dámoslle un pulo decisivo ao proxecto”, salientou a subdelegada, xa que “agora, unha vez recibida a obra do edificio, só queda pendente acometer unha pequeña obra de reposición na vía pública, que é necesaria para a obtención da licenza municipal de primeira ocupación. Feitos eses últimos trámites, procederase ao traslado das instalacións do Instituto Nacional de Estatística”.
“Penso que é unha boa noticia para Lugo porque grazas ao INE, a cidade recupera e pon en valor un edificio que forma parte do patrimonio da cidade que estaba abandonado e, ademais, co traslado a estas novas instalacións o erario público aforrará unha cantidade importante de cartos, case 100.000 euros ao ano que agora paga o INE en concepto de alugueiro polas instalacións que ocupa”, manifestou Isabel Rodríguez.
A futura sede do INE é un inmoble singular pois é un dos poucos edificios existentes en Lugo de estilo racionalista. Trátase dun ben que está rexistrado no Inventario de Patrimonio Cultural de Galicia. Foi construído a mediados do século XX, por encargo de Manuel García Portela, dacordo cun proxecto do arquitecto Alfredo Vila López, e que estivo destinado orixinalmente a uso sanitario.