A voceira do Grupo Municipal de Lugonovo, Cristina Pérez, reprochoulle ao goberno que logo de tres anos advertíndolles dende a agrupación da existencia das arquetas abertas da Abella só foran quen de adoptar unha medida provisional “chapuceira” pero non de erradicar o problema de inseguridade que ocasionan. Pérez Herráiz referiu que levan denunciando dende setembro de 2015, a existencia de pozos de case un metro de ancho e o triple de fondo, o que consideran unha grande ameaza para a poboación.
“Un valo e unha pedra non é unha solución senón unha chapuza”, resaltou a voceira de Lugonovo, que explicou que estas tubaxes se atopan nas proximidades dun sendeiro peonil, carente de alumeado polo que o “apaño enxeñado polo executivo non resulta nin acertado, nin pertinente e moito menos eficaz”.
“Calquera que camiñe pola zona despois do solpor pode tropezar e mancarse. Non hai nada que impida desprazar as lastras que se colocaron e mesmo os palés e os valados que se puxeron debaixo poden propiciar caídas polo que estes fosos seguen a ser unha perigosa trampa para a cidadanía”, insiste Pérez Herráiz ao tempo que insta ao equipo de goberno a actuar con seriedade e clausuralas de forma permanente “antes de que alguén resulte ferido de gravidade e logo o Concello teña que asumir responsabilidades moito máis severas que a de executar unha obra tan simple”, conclúe a portavoz de Lugonovo.