O Concello contrata de forma conxunta todo o subministro eléctrico municipal

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobou esta mañá a contratación conxunta, por primeira vez na historia do Concello, de todo o subministro eléctrico nos inmobles municipais e espazos públicos, o que mellorará substancialmente a eficiencia do servizo. Reducirase a carga de traballo administrativo porque haberá dous únicos provedores e baixará o número de facturas recibidas, co cal a súa revisión e pago será máis áxil, ademais de producirse un aforro económico.

Segundo anunciou o voceiro municipal, o Goberno deu hoxe luz verde hoxe ao proceso de licitación do contrato, dividido en dous lotes, un para baixa e outro para media tensión, coa aprobación dos pregos e do gasto, que suma 5,8M€ ao ano. A duración máxima, coas prórrogas, será de dous anos.

Segundo o prego, a empresa adxudicataria remitirá mensualmente ao Concello unha única factura por cada agrupador, correspondente aos consumos realizados durante o mes precedente. Os agrupadores son os seguintes: no caso da media tensión, cada un dos nove puntos de subministro, e na de baixa tensión, dependencias, colexios, deportes, servizos sociais, augas, semáforos, alumeado público urbano e zona rural. Así, grazas a este contrato, o Concello pasará de recibir centos de minutas a unha vintena, o que mellorará e fará máis áxil o control das mesmas, ademais reducir os tempos de pago.

Policía Local

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou tamén as bases para o acceso en propiedade por promoción interna a tres prazas de inspector e dúas de oficial da Polícía Local, contempladas na oferta de emprego público do 2016 que foi aprobada polo Executivo e as forzas sindicais. O procedemento, segundo marca a normativa, continúa agora coa publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP), no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE), momento no que se abrirá o prazo de inscrición, se configurará e publicará unha lista provisional de admitidos, se abrirá un prazo de alegacións para a aprobación da lista definitiva, a aprobación dos tribunais cualificadores e a celebración das probas.

En canto remate o prazo que establece o decreto de xubilación anticipada para que os axentes comuniquen a súa intención de acollerse ao mesmo neste ano, isto é, o 31 de xaneiro, o Goberno presentará a oferta de emprego público deste 2019, que cubrirá o 100% das xubilacións producidas, e contemplará a promoción interna para outros tres inspectores.

Ascensor Fontiñas

Por outra banda, na Xunta de Goberno desta mañá quedou aprobada a autorización de prórroga ata o 27 de febreiro das obras de instalación dun ascensor en Fontiñas e a humanización do entorno -para as que o prazo acababa a finais deste mes- debido á demora que, por cuestións alleas ao Concello e á empresa adxudicataria, se produciron nos traballos, ao aparecer unha canalización de telecomunicacións, sobre a que primeiro foi preciso determinar a titularidade e logo a empresa responsable tivo que facer un desvío para continuar as obras do elevador.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com