O espazo coworking da Ribeira Sacra, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), mantén aberta a convocatoria da cuarta edición ofrecendo unha nova oportunidade de formación e asesoramento especializado para que os emprendedores da comarca poidan levar a cabo os seus proxectos ou poñer en marcha os seus negocios.
Con esta iniciativa, que conta con financiamento do Fondo Social Europeo, os emprendedores da Ribeira Sacra dispoñen dunha plataforma de traballo –no espazo cedido polo Concello de Monforte– para identificar e desenvolver novas oportunidades de negocio.
Poderán participar neste coworking os promotores de ata 22 proxectos. Durante cinco meses, os emprendedores participantes poderán recibir formación, titorías e asesoramento personalizado para a aceleración dos seus proxectos, así como facilidades para o futuro acceso aos medios financeiros necesarios para desenvolver as súas ideas de negocio.
As iniciativas de coworking teñen como obxectivo acelerar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego, aumentando a probabilidade de éxito das ideas dos emprendedores e facilitando a súa posta en marcha e a súa consolidación temperá.
O espazo de emprendemento da Ribeira Sacra leva apoiados máis de 60 novos proxectos empresariais durante as tres convocatorias realizadas, co obxectivo de seguir dinamizando a economía do territorio e creando emprego. Na última edición celebrada, os emprendedores apostaron por sectores como o turismo, a agricultura ecolóxica, o deseño ou a hostalería, entre outras actividades económicas.