O voceiro do BNG no concello de Palas de Rei, Manuel S. Pardellas, anunciou a presentación dunha proposta para que se proceda á ampliación do Polígono Industrial de Palas. Manuel S. Pardellas sinalou “hai empresas que marchan de Palas por que non poden conseguir solo industrial”. Algúns empresarios xa manifestaron a súa intención de trasladar as súas empresas a municipios limítrofes.
O BNG trasladará esta iniciativa ao concello para que se fagan os trámites pertinentes e se consigan os recursos necesarios de cara a esta necesaria ampliación. Pardellas lembrou como a primeira fase do polígono industrial se levou a cabo cando o BNG tiña responsabilidades de goberno na Xunta de Galiza e “dende aquel momento a ampliación está bloqueada por intereses particulares e o concello non fai nada para que as empresas locais poidan acceder ao terreo que precisan”.
Pardellas denunciou a falta de compromiso do goberno municipal e, en concreto, do alcalde “por que todos os anos anuncia a ampliación do polígono industrial cunha terceira fase que nunca se fai”. O BNG seguirá presentando iniciativas nas institucións para que Palas poida contar coa debida ampliación do polígono e que se poida fomentar a creación de emprego e o mantemento das empresas no termo municipal