O TSXG declara inconstitucional a ordenanza sobre o pago das plusvalías

O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, desvelou en rolda de prensa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de declarar inconstitucional, nunha sentenza notificada onte, a ordenanza municipal 201 para o pago das plusvalías.

Antonio Ameijide explica que a sentenza do alto tribunal galego é do 18 deste mes e que se notificou onte mesmo ás partes interesadas. Unha sentenza que considera inconstitucionais os artigos 8 e 9 desta ordenanza, ao considerar que son ilegais por apoiarse nunha lexislación ilegalizada polo Tribunal Constitucional en febreiro de 2017. Por este motivo, o popular quere saber en que situación queda agora esta ordenanza e como vai actuar o equipo de goberno.

O voceiro popular recordou que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia emitiu esta sentenza despois doutra do xulgado contencioso administrativo nº2 de Lugo, sentenza 158/2018, na que se condenaba ao Concello de Lugo a devolver 11.004€ cobrados de xeito indebido a un propietario, ademais dos intereses de demora e as custas xudiciais.

Ameijide explica que a denuncia presentada ante o contencioso administrativo nº2 de Lugo xurdiu despois de que o Concello quixera cobrar 11.004€ a un propietario ao considerar que obtivera un beneficio trala dación en pago dun solar, cesión coa que os propietarios perderon 3.578.370,91€, con respecto ao prezo no que se valoraba o solar antes
de quitarlle a edificabilidade no PXOM.

Desde o Grupo Popular urxen a Lara Méndez a comezar unha campaña municipal para devolver este imposto cobrado “indebidamente” a todos os afectados e que, para iso, informen directamente a todos os prexudicados. Ademais, os populares recordan que esta campaña tería que comezar de inmediato xa que o reintegro das cantidades cobradas indebidamente prescribe aos 4 anos.

O Concello cumpre coa xurisprudencia do Constitucional

O Concello de Lugo modificará a ordenanza fiscal que regula o imposto municipal sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana para adaptar os artigos relativos ás plusvalías cando hai vendas a perdas. Porén, a modificación da redacción, na que xa se traballa, suporá unha formalidade a efectos do procedemento que se aplica co administrado porque o Concello xa está estudando desde hai un ano todos os recursos que presentan os afectados contra o imposto de plusvalías cando consideran que non existe un aumento do valor do chan desde que compraron a propiedade ata a súa venda. É dicir, xa cumpre coa xurisprudencia fixada polo Tribunal Constitucional e o Supremo. Así o asegurou o Goberno local a través dunha nota de prensa.

Foi en xullo do 2018 cando o TS aclarou a sentenza do Constitucional e sostivo que o cidadán pode reclamar a plusvalía nos casos nos que os inmobles foran vendidos a perdas e poidan demostralo. É dicir, se un inmoble se vendeu a un prezo superior ao que se adquiriu si debe pagarse pola plusvalía obtida.

Deste xeito, a sentenza do TSXG ao respecto da ordenanza lucense non anula as plusvalías, senón que sostén que debe modificarse na medida na que se somete a tributación situacións nas que non existe incremento de valor, nin tampouco declara inconstitucional a norma municipal, como asegura o PP, dado que o único organismo con capacidade para facelo sería o Tribunal Constitucional.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com