O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, trasladará unha proposta ao goberno municipal para que se executen actuacións de “humanización” no espazo de beirarrúa resultante da retirada do muro da avenida da Coruña. “Instalar xardineiras e uns bancos é a solución óptima para evitar que a beirarrúa non se convirta nun aparcadoiro de vehículos”, explicou Rubén Arroxo. O voceiro de BNG lembrou o tedioso proceso que o concello seguiu para o derribo do muro que invadía parte da beirarrúa e sinalou “claramente foi un éxito de perseverancia veciñal que se recuperase este espazo para as persoas”.
Para o BNG “a actuación que propoñemos ten un baixo coste, unha fácil execución e unha importante repercusión social” por que “coa colocación duns bancos e unhas xardineiras evitarase que o espazo reservado ás persoas sexa invadido polos vehículos”. Hai queixas veciñais por que o espazo de beirarrúa que quedou despois da retirada do muro é utilizado, a miúdo, para estacionar vehículos.