Vilalba Aberta ven de anunciar que trasladará ao Pleno deste xoves a problemática relativa aos anunciados cambios no Servizo de Madrugadores. Unha interpelación que chega logo de reunirse o seu voceiro e candidato á Alcaldía, Modesto Renda, cunha representación das nais e pais afectados.
Na actualidade, segundo lembran dende a agrupación, “son dúas emprendedoras de Vilalba as encargadas de prestar un servizo, xestionado polas ANPAs e subvencionado – en parte – polo Concello”, pois era este o que cubría os custes
do autobús que transportaba os nenos/as das ludotecas aos centros educativos. Mais, se retrocedemos no tempo – continúan – “poucas foron, nos seus inicios, as familias que o demandaron”. Un feito que, tal e como revelaba esta mañá Modesto Renda. “levou ás ANPAs a poñerse en contacto co Concello, co fin de pedir axuda e sondar se este estaba interesado en prestar, dun xeito directo, un servizo fundamental para a conciliación da vida laboral e familiar.”
“A resposta foi que non. O Concello en ningún caso se faría cargo do servizo, mais si poría a disposición das ANPAs un autobús gratuíto, a fin de facilitar o traxecto ludotecas-centros”, remarcou. Unha dinámica que, tal e como recoñecen dende a formación, foi asumida polas ANPAs dos 3 centros de Educación Primaria e Infantil, e “unha solución válida, en tanto que, non interesándolle nese momento ao Concello asumir a prestación directa do servizo, (había moi poucos nenos xa que o curso comezara e a organización da conciliación estaba xa delimitada) resultaba unha oportunidade de ouro para favorecer á pequena empresa; isto é: dúas rapazas emprendedoras, que estaban a iniciarse no seus proxectos de negocio e que aceptaron saír ao paso da situación, a pesares da pouco ou nada rendible demanda orixinal.”
“Dúas rapazas que arriscaron e acertaron”, aseverou Renda, pois cada vez foi en aumento o número de familias que facían uso do servizo. “Os nenos estaban contentos e inclusive aqueles que tan só acudían en días alternos, pedían aos pais/nais iren ás ludotecas a diario”. Neste senso, dende Vilalba Aberta fan fincapé en que sexa agora, cando “son uns corenta nenos os que acoden a diario a estes centros”, cando o Concello lle comunica á ANPAs que, para o vindeiro curso, non poderá seguir facendo fronte ao complementario servizo de autobús, en base á nova lexislación de contratos.
Un comunicado que, para a formación, expón “a unilateral decisión do Concello de se facer cargo do servizo directamente nos centros educativos”. Un “abuso” a ollos dos pais e nais afectados/as, pois, tal e como lembra a este respecto Modesto Renda, “resulta sintomático que cando non había demanda, ao Concello non lle interesara prestalo servizo dun xeito directo e sexa precisamente agora, coa demanda en aumento, cando o Goberno Municipal estime unha contestada modificación, que obrigará ás familias a acudir ao Servizo de Madrugadores do Concello e deixando claro que, en ningún caso, se tratará dunha remunicipalización, pois o servizo será inmediatamente externalizado.”
É por isto que, á sesión ordinaria deste xoves, Vilalba Aberta non levará unha iniciativa en forma de moción, senón que o canalizará coma unha batería de preguntas, a fin de “contar con unha información sistematicamente negada ás familias, para, inmediatamente despois, e se procede, contrapoñer (en consenso coas mesmas) unha proposta alternativa”. Proposta que, tal e como recoñecen, pasaría necesariamente por delimitar unha partida específica nos orzamentos 2019, para facer fronte ao custe do complementario autobús (ou autobús e micro bus, dependendo da demanda de cada día).
A este respecto, dende a formación esixirán do Goberno Municipal saber “onde figura e que ten exactamente firmado o Concello de Vilalba coas ANPAs, en relación ao servizo asistencial de autobús que cubre o traxecto ludotecas-centros” e “onde figura e que ten exactamente firmado o Concello de Vilalba coa empresa de transporte encargada do mesmo.”