Xornada de protestas en Lugo contra o desmantelamento dos GES

A CIG e a Asociación de Grupos de Emerxencias Supramunicipais de Galicia (AGESGA) desenvolveron este martes dúas mobilizacións en Lugo para demandar a posta en funcionamento dos GES da Fonsagrada-Baleira e da Terra Chá e a subrogación dos traballadores e traballadoras que no seu día foron seleccionadas para cubrir estes postos. As protestas, nas que participaron traballadores de GES de varios puntos de Galiza, realizáronse diante do edificio da Deputación de Lugo e da Xunta, xa que ambas administracións son as que asumen o custe deste grupos de emerxencias na provincia.

Cómpre lembrar que o GES da Fonsagrada foi desmantelado a finais de 2015 e os seus 12 traballadores despedidos, tras decidir o Concello non renovar o convenio coa Deputación e a Xunta. Aínda que o TSXG considerou improcedentes os ceses, o Concello continúa sen readmitir nin pagar as indemnizacións aos afectados. Pola súa banda, o Concello de Guitiriz, tas un longo proceso de incumprimentos e represalias laborais, vén de renunciar á xestión do GES e de aplicar un ERTE para os traballadores destinados neste servizo.

Diante desta situación, coa protesta deste martes quérese pór o foco de atención no abandono paulatino da cobertura das emerxencias na provincia de Lugo e reclamar a intervención tanto da Deputación como da Xunta “para garantir un servizo esencial como é o da atención ás emerxencias”. Mais tamén para dar unha saída aos traballadores e traballadoras destes grupos que, tras superar un proceso de selección, se viron abocados ao paro e a regulacións de emprego.

Neste senso, o secretario de Organización da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, demandou a posta en funcionamento inmediata do GES da Fonsagrada-Baleira e o da Terra Chá e que se subrogue no novo servizo ao persoal que no seu día superou o proceso de selección, “xa que, ademais de ser un acto de xustiza, conta coa experiencia e a formación precisas para desenvolver un traballo destas características”. E no caso de ter que completar os cadros de persoal, engade, que se abra entón outro proceso de selección.

Lois Neto lembra que a día de hoxe parte dos traballadores do extinto GES da Fonsagrada continúan agardando a que o Concello os readmita ou indemnice e a que lle abonen os salarios de tramitación; mentres que o persoal do GES de Guitiriz está afectado por un ERE temporal e na máis absoluta incerteza, xa que non está garantido nin a reactivación do servizo noutro Concello, nin a súa subrogación.

A este respecto, o secretario de Organización da CIG de Lugo apuntou que o Delegado da Xunta de Galicia, que hoxe recibiu a unha representación do colectivo, manifestou que a Administración autonómica ten interese en que se poñan en marcha estes grupos de emerxencias, “aínda que non se quixo comprometer sobre as datas nin noutras cuestións do servizo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com