O CENTRAD leva os seus obradoiros artesanais a 16 asociacións da provincia

O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, leva os seus obradoiros artesanais gratuítos a asociacións de toda a provincia, co obxecto de recuperar os oficios artesanais, ao tempo que se dá a coñecer a gran tradición da provincia e se dinamiza o rural.

Así o avanzou este mércores a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, quen subliñou que coa organización destes obradoiros “damos resposta ás propostas que nos trasladaron os veciños durante a elaboración dos Orzamentos Participativos, pois pedíronnos actividades culturais, de lecer e artesanais sobre todo no rural para dinamizar e mellorar a calidade de vida dos pequenos pobos”.

Ademais, deste xeito, o organismo provincial atende “a todos os lucenses que non poderían aproveitar estes talleres na cidade de Lugo por atoparse afastados do Centro de Artesanía e Deseño”.

Tala de madeira, cestería, bordado ao aire, patchwork, confección de complementos renacentistas, confección de patróns, bixutería, reciclaxe de roupa de casa, coiro e construción de hórreos de varas son as modalidades que centran estes cursos, que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses e ata xuño en 16 asociacións de toda a provincia, que suman 2.000 veciños.

A asociación de veciños San Pedro de Pígara, a de mulleres San Bartolomeu de Insua, a de mulleres rurais Amencer e a de amas de casa Bruma; así como a asociación cultural Reencontro en Argán, a asociación Proa, a de Corazóns Artesáns, a do Campo da Feira de Friol e a de veciños San Cosme de Nete, foron os primeiros colectivos en acoller estes obradoiros artesanais gratuítos. Outras 7 asociacións da provincia –Castro de Rei, Cervo, Navia de Suarna, O Corgo, Cospeito e Guitiriz- serán tamén destinatarias destes talleres organizados polo CENTRAD.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com