O Concello xa ten á venda as entradas para a programación de artes escénicas que organiza no Auditorio Municipal Gustavo Freire, ata o mes de xuño, co obxecto de ofrecer a todos os públicos diversas propostas relevantes de arte na cidade. Trátase, concretamente, de espectáculos para adultos e familias, así como teatro clásico, danza e música.
O importe das entradas, para obras e concertos para público adulto é de 10 euros en zona A e 8 euros en zona B. Existe desconto do 20% para persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociados á Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).
As entradas poden mercarse a través do portal web entradaslugo.es e na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, ata 3 horas antes do comezo de cada función; e no auditorio, o día da función, desde unha hora e media antes do comezo do espectáculo. As persoas que adquiran entrada con desconto deberán acreditarse na porta de acceso.
O bono para as catro funcións de teatro clásico é de 25 euros, e poderá adquirirse na Oficina de Turismo no seu horario de apertura habitual ou a través do portal web entradaslugo.es ata o 8 de febreiro. Para espectáculos para público familiar a entrada é de 4 euros para os adultos e nenas e nenos, dous euros.
Esta nova axenda cultural arrinca este sábado, 2 de febreiro, coa obra Eroski Paraíso, a primeira produción de Chévere despois de recibir o Premio Nacional de Teatro. É un proxecto escénico construído sobre a promesa dun paraíso social feita por un Estado de Benestar que agora se desmorona. O paraíso prometido era en realidade un gran hipermercado. Este é o retrato dunha xeración que tivo todo ao alcance da man e andou pola vida como se andase polo corredor dun supermercado, sometida ás mesmas técnicas de márketing que se usan para influír nas decisións de compra das persoas consumidoras.