Carballo propón unha campaña de promoción dos polígonos industriais

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Ramón Carballo, anunciou hoxe que se é alcalde poñerá en marcha un Plan de revitalización e mantemento dos polígonos industriais.

Carballo debullou os eixos deste programa durante unha reunión cunha trintena de empresarios do polígono de As Gándaras. O popular afirma que a administración local ten a obriga de “facilitar e axilizar a tramitación de licenzas para reducir a excesiva burocracia” e, nese senso, anunciou un paquete de incentivos fiscais para atraer novas empresas xeradoras de emprego e bonificacións para as licenzas de apertura, obras e no imposto de actividades económicas.

O alcaldable avanzou que “tendo polígonos cinco estrelas como o de As Gándaras hai que prestarlle un apoio decido” e, nese sentido, propón “impulsar unha campaña de captación de empresas e investidores, tanto en feiras internacionais como nacionais, para atraer negocios a través de campañas de difusión que coloquen a Lugo como un lugar de referencia para investir e crear empresas”.

Entre as medidas que se comprometeu a estudar destacou o programa de recollida de residuos “porta a porta” nos polígonos industriais do municipio así como implantar illas para recollida selectiva (vidro, papel…). O alcaldable explicou que “somos conscientes da problemática da xestión dos residuos en polígonos industriais” lamentando que “Lugo sofre un estancamento en canto á recollida selectiva desde hai anos e esta situación hai que revertela”.

Ramón Carballo tamén avogou por impulsar o transporte público xa que “en todos os polígonos industriais o servizo é deficitario e non se adapta ás rutinas dos seus traballadores e usuarios”. Na zona industrial de As Gándaras chegan os buses grazas a unha reclamación que fixo, no seu día, o Partido Popular pero as frecuencias seguen sendo escasas para adaptarse aos horarios de saída e entrada dos traballadores, non hai marquesiñas nin ningún poste informativo, e tan só hai unha parada en toda a zona industrial que non está centrada e deixa sen servizo á maior parte das empresas. “A nosa proposta é mellorar frecuencias, adecuar horarios ao funcionamento da zona industrial, incrementar paradas e colocar algunha marquesiña con elementos de información” resumiu Carballo.

Outra das prioridades do Partido Popular é a de mellorar a seguridade así como resolver problemas de mobilidade, sinalización, pavimentación … que hai nas zonas industriais do municipio. Para o alcaldable hai que conseguir que Lugo teña uns polígonos “coidados e seguros xa que así son máis atractivos e cómodos para investir, para traballar e tamén para comprar”. Ramón Carballo quen tamén coincidiu cos empresarios de As Gándaras en que hai que realizar un mantemento periódico das medianas das avenidas, zonas verdes e do parque de polígono “non ten sentido que o Concello en xuño de 2011 esixise á Xunta un tipo de céspede específico e a instalación de rega automática no que se investiu 1Millón de euros e que, agora, permita que a maleza campe ás súas anchas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com