O PSOE de Outeiro de Rei vai presentar no Concello un escrito esixindo ao Alcalde que publique as analíticas feitas polo consistorio durante o 2018 para demostrar que a auga é potable. A voceira socialista, Luisa Meilán, anunciou esta mañá que rexistrará dita petición “ante as declaracións do señor Pardo recoñecendo que a auga da traída municipal sae turbia”. O rexedor do PP fixo esta afirmación tras facer públicas, os socialistas, as denuncias de veciños de Outeiro de Rei que levan máis de 2 anos mercando auga embotellada porque aseguran que a auga da billa non é potable.
“Agardamos que o Alcalde do PP nos facilite todo a documentación e información requirida porque ante as revelacións feitas, quedámonos sorprendidos e moi preocupados. Igual para José Pardo é normal que a auga saia turbia pero para nós e para os veciños de Outeiro de Rei non. É unha vergoña que se tomen estes asuntos con esta lixeireza cando a cidadanía está preocupada pola situación. Desexo que os resultados sexan positivos, pois, de non ser así, o goberno municipal terá un grave problema ao estar xogando coa saúde das persoas”.
“O Concello de Outeiro de Rei leva preto de 700.000 euros investidos para mellorar o abastecemento pero o problema persiste e non se dá atallado. O PP terá que explicar que actuacións fixeron na traída de auga e na depuradora porque non están dando os resultados esperados”.
Luisa Meilán lembrou que o Concello pode recibir expedientes sancionadores por parte da Xunta de Galicia, coas súas correspondentes sancións económicas, como a calidade da auga non sexa a óptima.